- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A formación é gratuíta e realizarase en formato online desde o 18 de decembro até o 31 de xaneiro de 2024.
FEGADACE abre o período de matrícula do novo curso Alimentación, deglutición e nutrición: abordaxe no dano cerebral adquirido, dirixido a familias, profesionais sociosanitarias e público xeral interesado en adquirir coñecementos especializados nesta área.
A formación vaise desenvolver do 18 de decembro de 2023 até o 31 de xaneiro de 2024 en formato online, seguindo a metodoloxía da aprendizaxe autónoma do alumnado, a través da plataforma da Escola Dano Cerebral. A inscrición é gratuíta e está aberta até o 15 de decembrio ás 23:59. Hai 30 prazas en oferta e as persoas que participen recibirán un certificado online, que se expedirá sen custo por tratarse da primeira edición.
O obxectivo da formación é proporcionar información de utilidade para a abordaxe das dificultades e particularidades na alimentación e nutrición en persoas con dano cerebral adquirido a través de técnicas compensatorias e de tratamento no eido domiciliario nas fases subaguda e crónica.
Con este fin, o curso estrutúrase en seis temas que abranguen a definición do dano cerebral adquirido (causas, fases e epidemioloxía) e a súa relación coa alimentación (definición, secuelas, produtos de apoio e estratexias e posicionamento); a deglutición (fases e estruturas implicadas na deglutición, así como fases e tipos de disfaxia); a nutrición (requirimentos de enerxía e nutrientes, grupos de alimentos e pirámide alimentaria, requirimentos de hidratación, adaptación da dieta en disfaxia e necesidades de suplementación no DCA/disfaxia); a medicación (centrada nas estratexias de adaptación das formas farmacéuticas) e a hixiene buco-dental.
Convenio de colaboración
Os contidos foron elaborados por un grupo multidisciplinar composto por profesionais de FEGADACE e Asteria M. Luzardo Álvarez, Laura Sanjulián Fernández e Patricia Regal López, profesoras da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. O traballo conxunto realizouse no marco do convenio de colaboración asinado no mes de novembro entre a Federación e a USC co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación, a divulgación e a información sobre o dano cerebral adquirido e a nutrición.