- Ámbito
- Santiago
- Data
Recoñece o compromiso do centro á hora de aplicar a innovación e a I+D+i ao ámbito dos servizos sociais.

A Federación Galega de Dano Cerebral acordou entregar o 11º Premio FEGADACE – Miguel Blanco ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), da Universidade da Coruña, polo seu compromiso á hora de aplicar a innovación e a I+D+i ao ámbito dos servizos sociais, favorecendo a inclusión e autonomía persoal do colectivo do dano cerebral adquirido, e da discapacidade en xeral, e procurando, en definitiva, que os seus proxectos se orienten á consecución dunha sociedade máis xusta, igualitaria e accesible.
En concreto a Xunta Directiva de FEGADACE recoñece “o compromiso do CITIC cos dereitos á inclusión social e ao exercicio dunha vida plena e autónoma do colectivo do dano cerebral adquirido”. Máis detalladamente, a Federación valora a posta en marcha de “proxectos que teñen como obxectivo fundamental crear espazos de innovación tecnolóxica no ámbito dos servizos sociais centrados na mellora dos sistemas de atención”.
Tanto FEGADACE como as asociacións de dano cerebral da Coruña, ADACECO, e de Compostela, Sarela, forman parte da ‘Rede de I+D+i de Tecnoloxías de Apoio para unha Sociedade Inclusiva’. Trátase dunha rede promovida polo CITIC para reunir a entidades representativas de persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia para establecer un espazo de posta en común de necesidades e posibles solucións para a autonomía persoal e a calidade de vida; un espazo de escoita para definir e desenvolver proxectos I+D+i cun enfoque centrado na persoa.
Ademais, persoas usuarias de ADACECO participan no proxecto Espazos Personalizados de Realidade Virtual para a Neurorrehabilitación, que achega a posibilidade de traballar actividades cotiás sen ter que cambiar de localización, contribuíndo isto á rehabilitación das persoas con dano cerebral adquirido como paso previo a realizalas nas súas contornas reais.
Entrega o 29 de xuño na Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral
O acto de entrega do 11º Premio FEGADACE – Miguel Blanco vai ter lugar na II Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral, que se celebra o xoves 29 de xuño en Santiago, na Cidade da Cultura. O CITIC vai estar arroupado por unha ampla representación de persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, así como de familiares e profesionais, que acoden á cita para pasar unha xornada de lecer e convivencia.
En concreto, a cerimonia será ás 12:20 no Andar -1 do Edificio Museo da Cidade da Cultura -onde ten lugar o groso da actividade da Xuntanza. Por parte do CITIC, confirmaron a súa presenza para a recollida o seu subdirector, Javier Pereira Loureiro, a investigadora Thais Pousada García e o investigador Manuel Lagos Rodríguez.
Como é tradicional, a entidade galardoada o ano anterior será a encargada de facer entrega do Premio, deseñado e elaborado polas persoas con dano cerebral adquirido de Alento (Vigo). Por iso, este ano fará entrega do 11º Premio FEGADACE – Miguel Blanco Javier Pitillas, fundador de Discamino, entidade que ostenta o 10º galardón da Federación.
O CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións foi creado en 2008 para potenciar o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, trátase dun espazo no que conflúen departamentos de I+D de empresas TIC con investigadores e investigadoras do ámbito universitario coruñés.
As súas áreas de investigación son a Intelixencia Artificial, a Ciencia e Enxeñería de Datos, a Computación de Altas Prestacións, os Servizos e Redes Intelixentes e a Ciberseguridade. Ademais do seu labor investigador, o CITIC traballa tamén na divulgación, na innovación e na transferencia do coñecemento xerado.
Premio FEGADACE – Miguel Blanco
O Premio FEGADACE ten a súa orixe nos recoñecementos entregados no I Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral a diferentes persoas especialmente implicadas no traballo das asociacións e ao psicólogo clínico Miguel Anxo García. Estes recoñecementos institucionalizáronse a través do premio, que recoñece o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na defensa do colectivo e na sensibilización sobre o dano cerebral adquirido.
En 2016 a Xunta Directiva da Federación aprobou o cambio de nome do galardón para lembrar ao neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.