- Ámbito
- Madrid
- Data
Dano Cerebral Galicia agradece a Laura Abeledo, de Dano Cerebral Lugo, o seu labor de anos no cargo de vogal, que acaba de abandonar.
Dano Cerebral Estatal celebrou o sábado 27 de xuño a súa Asemblea Xeral Ordinaria, o principal órgano de participación e toma de decisións da entidade, na sede de Fundación ONCE en Madrid. Nesta reunión realizouse un balance da actividade desenvolvida durante o último exercicio e actualizouse ao plenario arredor do desenvolvemento actual da actividade.
Durante a sesión, as persoas socias aprobaron, entre outros, a memoria de actividades, as contas anuais correspondentes ao exercicio 2025, o orzamento e o plan de actuación para o ano 2026.
En convocatoria extraordinaria, ademais, aprobouse a incorporación da Fundación Carmen Cabellos como entidade numeraria e das asociacións Villa del Prado e Caminar Extremadura como entidades vinculadas. Así mesmo, a Asociación Ictus de Asturias y otras lesiones cerebrales adquiridas ASICAS causou baixa como entidade numeraria.
A Asemblea, que tivo lugar un día despois da Xunta Directiva, serviu como espazo para compartir os avances alcanzados pola entidade, reforzar o compromiso do movemento asociativo coa defensa dos dereitos das persoas con Dano Cerebral Adquirido e as súas familias e poñer en valor o traballo desenvolvido conxuntamente por todas as persoas que colaboran no desenvolvemento de actividades da federación.
Un dos puntos salientables da xornada foi a renovación parcial da Xunta Directiva, tras a convocatoria a eleccións en Asemblea Xeral Extraordinaria:
- Paco Quiles Guerola, de Daño Cerebral Valencia, renova o seu cargo como vogal.
- Mari Carmen Ferrer, de Daño Cerebral ADACEA Alicante, incorpórase como vogal.
- Enrique Criado, de Asociación Ictus Madrid ICAM, incorpórase como vogal.
Laura Abeledo, de Dano Cerebral Lugo, e Nekane Nograro, de Daño Cerebral Araba Garuneko Gaitza, deixan os seus postos como vogais. Desde a Federación agradécese a dedicación e compromiso que mantiveron estes anos como parte activa da Xunta Directiva, recoñecendo a súa contribución ao fortalecemento da entidade e ao impulso do movemento asociativo no seu conxunto.
Dano Cerebral Galicia quere recoñecer especialmente o labor e compromiso de Laura Abeledo nos anos que exerceu como representante de Lugo, e tamén de toda a comunidade, na Xunta Directiva. Ademais de formar parte da entidade lucense, Laura é vicepresidenta de Dano Cerebral Galicia.
Información e imaxes facilitadas por Daño Cerebral Estatal.