- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A Federación renova tamén a súa Xunta Directiva, na que Luciano Fernández segue na presidencia no que será o seu último mandato.
Dano Cerebral Galicia celebrou o sábado 21 de setembro na Coruña súa Asemblea Xeral Extraordinaria coa renovación da Xunta Directiva e a aprobación do novo Plan Estratéxico como principais asuntos da orde do día.
Trala votación, Luciano Fernández foi reelixido como presidente, no que será o seu último mandato á fronte da Federación. O resto de integrantes do máximo órgano de representación de Dano Cerebral Galicia tamén se manteñen respecto á anterior lexislatura, aínda que con reconfiguracións nos postos. A única novidade é a de Manuela Candal, quen asume a vogalía e substitúe a Luísa Ramírez en representación de ADACECO.
O novo orgranigrama da Xunta Directiva é o seguinte:
- Presidencia: Luciano Fernández Pintor (Dano Cerebral Santiago de Compostela).
- Vicepresidencia: Laura Abeledo Lameiro (ADACE Lugo).
- Tesourería: Mario González Granja (Alento).
- Secretaría: Berta Delfina Feijoo Ferreiro (DCA Ourense).
- Vogalía: Manuela Candal Garaboa (ADACECO).
Novo Plan Estratéxico
Ademais, durante a Asemblea aprobouse o Plan Estratéxico 2025-2028 de Dano Cerebral Galicia, elaborado entre abril e agosto co asesoramento técnico especializado de Análisis y Desarrollo Social Consultoría. O documento, que se fará público proximamente, formúlase coa intención de reorientar os obxectivos operativos e accións, desde un enfoque continuista, ás necesidades e expectativas do próximos catro anos, consolidando aqueles elementos que o Plan vixente permitiu instaurar.
O proceso de elaboración da nova folla de ruta, aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), desenvolveuse a travé dunha metodoloxía participativa que implicou a integración dos principais actores da Federación en diferentes grupos de traballo para o desenvolvemento das diferentes fases de planificación da estratexia.
A primeira etapa consistiu na avaliación do Plan anterior co fin de contrastar as metas acadadas, coñecer a situación da Federación e valorar a necesidade de reorientar, os obxectivos e accións a desenvolver. A partir desta diagnose, aplicouse unha análise DAFO para identificar as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades que afronta Dano Cerebral Galicia e, posteriormente, a partir dos resultados obtidos, definíronse as accións de mellora mediante o emprego da ferramenta CAME (Corrixir, Afrontar, Manter e Explotar).
Toda esta información foi empregada para redactar unha nova misión e visión da Federación e acordes a eles, para identificar novos obxectivos e estratexias.
Actualización da misión e a visión
A nova misión plasmada no documento establece que Dano Cerebral Galicia é a Federación que aúna, dinamiza e representa o movemento asociativo do dano cerebral adquirido de Galicia co obxectivo de desenvolver accións nos eidos social, político e técnico para promover o coñecemento e para mellorar a calidade de vida e o pleno exercicio de dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e da súa contorna social e/ou persoas coidadoras.
Pola súa banda, a renovada visión amosa a Dano Cerebral Galicia como "unha referente especializada e dinámica do terceiro sector, representando un movemento asociativo consolidado, cohesionado e recoñecido social e institucionalmente que traballa para visibilizar e concienciar sobre o dano cerebral adquirido, situándoo na axenda social e política de Galicia".
Para lograr o posicionamento descrito na misión e visión, o Plan para o período 2025-2028 estrútrase arredor de cinco liñas estratéxicas (LE), asociadas a outros tantos obxectivos:
- LE 1. Acción política e fortalecemento da presenza social da federación.
- LE 2. Información, formación e sensibilización social sobre o dano cerebral.
- LE 3. Proxectos e programas para a mellora da calidade de vida.
- LE 4. Crecemento e cohesión asociativa.
- LE 5. Consolidación estrutural e sustentabilidade da federación.
Os estratéxicos desglósanse en 12 obxectivos operativos que inclúen ata 54 accións que se avaliarán e medirán con 43 indicadores.
Durante a vixencia do Plan, levarase a cabo unha avaliación continua e final do mesmo, que terá como finalidade servir para a identificación de futuras estratexias ou o axuste e revisión das que se puxeron en marcha.