- Ámbito
- Vigo
- Data
A alta comisionada quixo coñecer mellor as asociacións de dano cerebral e proximamente recibirá a visita da Rede de Cidadanía Activa.
O pasado 16 de setembro a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, Alento, recibiu a visita da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, xunto co responsable da Área de Inclusión, así como Secretario Xeral da Institución, Fernando de Andrés Alonso.
O principal obxectivo desta visita foi o mantemento dunha xuntanza co Grupo de Autoxestores/as de Alento -unha iniciativa de autodeterminación dun grupo de persoas con dano cerebral de Vigo-, así como o coñecemento, máis de preto, do funcionamento dunha das nosas asociacións.
A Valedora e o seu responsable de Inclusión visitaron Alento na compaña do presidente, Luciano Fernández, e da directora de Dano Cerebral Galicia, Leticia Vila, así como do director, Gonzalo Mira, e de representantes da Xunta Directiva e do equipo profesional de Alento.
Durante a xuntanza co Grupo de Autoxestores/as a Valedora do Pobo recibiu información sobre as inquedanzas do colectivo, e denuncias sobre as barreiras e obstáculos que afrontan cada día. Varios membros do Grupo, que tamén forman parte da Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral, emprazáronse a manter proximamente unha nova xuntanza con Dolores Fernández Galiño na sede da Valedora na que detallarlle máis polo miúdo as dúas denuncias e demandas concretas.
A Valedora do Pobo ten contacto coa Rede de Cidadanía Activa desde que en xuño presentamos na súa sede as reivindicacións de lexislatura do movemento asociativo e a nova marca, Dano Cerebral Galicia. Nesa altura foi unha membro da Rede, Montserrat Terceiro, a encargada de presentar as demandas do tecido asociativo do dano cerebral adquirido.