- Ámbito
- Online
- Data
O obxectivo é ofrecer os coñecementos básicos para comprender o rol da persoa asistente, os principios da vida independente e as competencias necesarias para prestar este tipo de apoio.
A asistencia persoal é un recurso de atención que, en función do nivel de dependencia da persoa, pode ser fundamental para unha vida independente. Trátase dun tipo de apoio que se atopa aínda en proceso de definición.
Dano Cerebral Galicia leva anos traballando para perfilar como debe ser o servizo de asistencia persoal para o colectivo do dano cerebral adquirido; reflexionando e capacitando ao persoal técnico para perfilar unha figura o máis adaptada posible ás necesidades do noso colectivo.
Desde 2023, no marco do Proxecto Rumbo, comezouse a traballar neste recurso. Primeiro, formando a persoal técnico e, a continuación, realizando unha pilotaxe con dúas persoas con dano cerebral adquirido que gozaron do recurso a través de dúas persoas asistentes persoais que se formaron e exerceron durante poucas semanas nunha primeira experiencia de asistencia persoal na nosa discapacidade.
Dano Cerebral Galicia quere seguir reforzando esta figura e, para iso, oferta agora unha formación especializada, dirixida a calquera persoa que teña interese en orientarse profesionalmente a garantir o exercicio dunha vida independente por parte das persoas con discapacidade. Para realizar este curso non é necesario contar con titulación previa ningunha, simplemente se debe asumir un compromiso cos principios da vida independente e cos valores que sustentan a asistencia persoal.
Programa formativo en 50 horas
O curso, titulado 'Asistencia persoal en Dano Cerebral Adquirido', realízase en modalidade de teleformación a través da escoladanocerebralgalicia.org. Ten unha duración estimada de 50 horas que cada alumno/a distribúe da maneira que se adapte ás súas necesidades, coa presenza permanente dunha titora, Noelia Rivadas López, ao outro lado do fío. A formación debe completarse, iso si, entre o 1 e o 30 de setembro de 2026. A inscrición, de balde, está aberta e formalízase cubrindo este formulario. O idioma do curso é o galego. Hai 30 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.
O temario decorre desde a introdución ao dano cerebral adquirido á fundamentación teórica da noción de vida independente, pasando pola propia definición de asistencia persoal, e culminando con diversos módulos de carácter máis aplicado á execución deste labor e á súa realidade laboral. O programa é o seguinte:
- Módulo 1: Contextualización do dano cerebral adquirido.
- Módulo 2: Modelo de vida independente.
- Módulo 3: Proxecto de vida independente.
- Módulo 4: Asistencia persoal.
- Módulo 5: Marco legal.
- Módulo 6: Prestación de libranza de asistencia persoal e compatibilidades.
- Módulo 7: Modelos de contrato e requisitos do/a asistente persoal.
- Módulo 8: Tramitación administrativa e xestión contractual.
- Módulo 9: Saúde laboral e primeiros auxilios.
- Módulo 10: Accesibilidade universal e medios de apoio.
A formación en asistencia persoal ten como obxectivo ofrecer os coñecementos básicos para comprender o rol da persoa asistente, os principios da vida independente e as competencias necesarias para prestar apoios que respecten a autonomía e as decisións da persoa usuaria.
A inscrición é gratuíta, aínda que a emisión e envío de certificado de superación, asinado por Dano Cerebral Galicia, ten un custo de 20 euros.
Esta formación está organizada por Dano Cerebral Galicia e conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda-.