- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A obra, que reflexiona sobre a memoria individual e colectiva, contou co asesoramento de Dano Cerebral Galicia e fíase arredor dunha personaxe que ten a nosa discapacidade.
O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, verá o 20 de febreiro a estrea absoluta da última creación de Chévere: 'ICTUS (a derradeira leición do Dr. Castelao)'. Están programadas tres sesións, ese día e os sucesivos. A peza conta con interpretación en LSE e está recomendada a partir dos 13 anos.
Trátase dunha estrea de enorme importancia para o tecido asociativo do dano cerebral adquirido por dous motivos: un, porque asesoramos no proceso a Chévere, e dous, porque na obra hai un personaxe con dano cerebral adquirido, que vai visibilizar ao tempo que amosar a nosa discapacidade.
Unha historia de colaboración
A compañía teatral leva anos interesándose pola accesibilidade universal e a inclusión tanto no proceso como na exhibición do seu traballo. Teñen experimentado co subtitulado ou interpretación, así como escollido personaxes con diferentes discapacidades, desde Hellen Keller, a quen dedicaron unha obra, á personaxe que se poderá ver desde febreiro en 'ICTUS'.
Representantes de Chévere acudiron ao noso chamado no marco da campaña de ocio inclusivo, na que presentamos a diferentes axentes sociais as necesidades do noso colectivo e posibles medidas para facilitar a accesibilidade a produtos, servizos, dispositivos e instalacións culturais. Desde aquela charla en Dano Cerebral Santiago, en 2024, sucedéronse as sesións de asesoramento.
Patricia de Lorenzo e Xesús Ron mantiveron encontros con persoas con dano cerebral e profesionais de diferentes áreas terapéuticas nas asociacións de Santiago e Lugo, axudando a compoñer un puzzle que resultou ser a súa nova creación.
Memoria individual, memoria colectiva, construción da memoria
'ICTUS (a derradeira leición do Dr. Castelao)' é unha obra sobre a memoria que ten o seu punto de partida nun feito histórico: a primeira chegada Galicia, en 2018, do cadro 'A derradeira leición do mestre', a última pintura que Castelao asinou no exilio, na que retrata a Alexandre Bóveda asasinado tralo golpe de Estado encabezado por Francisco Franco.
Con este feito e un formato documental, a obra reflexiona sobre como se constrúe e destrúe a memoria, individual e colectiva, empregando como fío unha muller que ten un ictus, precisamente, no acto de recepción ao cadro de Castelao.
As entradas para a obra xa están á venda na web do Auditorio de Galicia. Polo momento prográmanse tres funcións, e está previsto que a obra teña itinerancia ao longo de 2026 por toda a comunidade autónoma.
Máis información sobre a obra aquí.
Compra a túa entrada aquí.