- Ámbito
- Galicia
- Data
A cadea de supermercados dedica o mes de xaneiro, do 5 ao 28, a diferentes iniciativas de atención a persoas con discapacidade.
Desde hoxe e ata o 28 de xaneiro mercar nos supermercados Eroski ten premio para as persoas con dano cerebral adquirido, xa que Dano Cerebral Galicia é unha das entidades beneficiarias do 'Plan Solidaridad Eroski 2025' (que finaliza en xaneiro de 2026).
Como participar?
Hai dous xeitos de colaborar con este programa solidario de Eroski:
- Céntimo solidario: Participando co redondeo que ofrecen nos supermercados Eroski. No momento de pagar, o caixeiro ou caixeira vaiche ofrecer a posibilidade de achegar uns céntimos de máis para o programa solidario. Se aceptas, a túa doazón chegará a todas as entidades beneficiarias do Cénimo solidario de xaneiro, entre as que se atopa Dano Cerebral Galicia. O nome da iniciativa de xaneiro é 'Atención a persoas con discapacidade'.
- Worldcoo: Accedendo ao perfil de Eroski en Worldcoo e realizando unha sinxela doazón online. Só tes que premer no botón 'doar' e a web ofréceche diferentes cantidades e tamén a posibilidade de axustar o importe que queres agasallar á iniciativa 'Atención a persoas con discapacidade'.
Como colaboras con Dano Cerebral Galicia?
A parte das achegas do 'Plan Solidaridad Eroski 2025' destinada a Dano Cerebral Galicia contribuirá a financiar o Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido.
Este proxecto ten como obxectivo fomentar a autoestima, autonomía e inclusión das persoas usuarias das nosas entidades federadas a través da formación e práctica dunha disciplina artística. En 2025 o Laboratorio centrouse en fotografía e contou como docente con Fuco Reyes, quen non só formou ás persoas con dano cerebral adquirido na súa área de coñecemento, senón que elaborou unha serie de retratos que foron a base da mostra 'Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben'.
A exposición puido verse entre outubro e decembro de 2025 no Museo Gaiás da Cidade da Cultura e está previsto que inicie a súa itinerancia en 2026.