- Ámbito
- Lugo
- Data
A proba solidaria acada a súa quinta edición conmemorando os #20anosdehistoria de Dano Cerebral Lugo.
A Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral acada en 2026 a súa quinta edición viaxando a Lugo o domingo 10 de maio. A localización non é casual, pois coa proba conmemoramos os #20anosdehistoria de Dano Cerebral Lugo. A entidade local de dano cerebral colabora na organización dunha proba deportiva que ten a inscrición aberta en polodanocerebral.org.
A proba deportiva inclúe unha carreira de 5 km, unha andaina de 2,5 km e diferentes extensións nas categorías escolares, cun percorrido que levará ás persoas participantes a un escenario de luxo: a muralla romana de Lugo. O punto de encontro, co arco de meta e saída, estará na Praza Maior, e a cita comeza ás 09:00 coa apertura das mesas de entrega de dorsais.
Cinco categorías e unha novidade: inscrición a prezo reducido en abril
A 5ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral conta con cinco modalidades diferentes:
- Absoluta (5 km). Proba competitiva na que pode participar calquera persoa maior de 16 anos, federada ou non federada.
Haberá trofeos para o/a 1º, 2º e 3º clasificado e clasificada na categoría Absoluta, así como para o 1º e a 1ª nas categorías Sénior (nado entre 2010 a 1991), Máster 1 (+35 anos), Máster 2 (+45 anos), Máster 3 (+55 anos) e Máster 4 (+65 anos). Os/as segundos e terceiros clasificados e clasificadas de todas as modalidades, agás a Absoluta, recibirán unha medalla.
- Sub 16 e Sub 14 (1.200 metros). Proba competitiva na que poderán participar todas as persoas nadas entre 2011 e 2012, para Sub 16; e entre 2013 e 2014 para Sub14.
Haberá trofeos para o 1º clasificado e a 1ª clasificada, e medallas para o/a 2º e 3º clasificado e clasificada, tanto en Sub 16 como en Sub 14.
- Sub 12 e Sub 10 (600 metros). Proba competitiva na que poderán participar todas as persoas nadas entre 2015 e 2016, para Sub 12; e entre 2017 e 2018 para Sub 10.
Haberá trofeos para o 1º clasificado e a 1ª clasificada, e medallas para o/a 2º e 3º clasificado e clasificada, tanto en Sub 12 como en Sub 10.
- Pitufos (100 metros). Proba non competitiva. Aberta a nenas e nenos nados a partir de 2019 ata a actualidade.
Haberá medallas para todos os nenos e nenas participantes.
- Andaina (2,5 km). Proba non competitiva. Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos (o día da proba) e os/as menores de 16 anos sempre que vaian acompañados/as dun/ha adulto/a responsable.
A inscrición permanecerá aberta ata o xoves 7 de maio ás 23:59 hh. Tramítase na plataforma CCNorte -desde onde se publicará tamén a clasificación-, á que desde este ano se pode acceder a través da web creada para os eventos deportivos de Dano Cerebral Galicia: polodanocerebral.org. Ademais, para as persoas que queiran colaborar solidariamente pero non poidan participar, está habilitado un Dorsal 0 accesible desde a mesma ligazón de inscrición.
| MODALIDADE | PREZO REDUCIDO (ata 30/04/2026 ás 23:59 hh.) |
PREZO XERAL (ata 07/05/2026 ás 23:59 hh.) |
| Carreira Absoluta | 10 € | 12 € |
| Carreiras Sub 16/14/12/10 | 5 € | 5 € |
| Carreira Pitufos | 2 € | 2 € |
| Andaina >16 anos | 10 € | 12 € |
| Andaina <16 anos | 0 € | 0 € |
Horarios e un percorrido moi especial: a muralla romana
A Carreira e Andaina Solidaria conta cun escenario moi especial na súa 5ª edición: a muralla romana de Lugo. O arco de saída e meta, espazo para avituallamento e demais servizos da proba vanse situar na Praza Maior. O evento comeza nese punto ás 9:00 coa apertura das mesas de recollida de dorsais, xunto coa posta en marcha da megafonía e animación. As probas seguirán a seguinte dinámica:
- Absoluta (5 km). Saída ás 09:45. O percorrido serán dúas voltas pola muralla.
- Sub 16 e Sub 14 (1.200 metros). Saída conxunta ás 11:00. Percorrido na contorna da Praza Maior.
- Sub 12 e Sub 10 (600 metros). Saída conxunta ás 11:15. Percorrido na contorna da Praza Maior.
- Pitufos (100 metros). Saída ás 11:25. Percorrido das bandeirolas ata o arco de meta e saída.
- Andaina (2,5 km). Saída ás 12:00, inmediatamente despois da entrega de trofeos. Saída da Praza Maior e percorrido dunha volta pola muralla.
O acto de entrega de trofeos e medallas terá lugar arredor das 11:30 na Praza Maior, nas inmediacións do arco de meta e saída.
Ademais, as persoas que desexen recoller con máis antelación o seu dorsal e camiseta poden achegarse á tenda Ndorfina (Praza do Campo Castelo, 57), en Lugo, o venres 8 de maio de 17:00 a 20:30 ou sábado 9 en horario de 10:00 a 13:45 e de 17:00 a 20:30.
Toda a información, e outros detalles de relevancia para as persoas participantes, está recollida no Regulamento da proba.
Os percorridos poderán verse modificados ata o día antes do evento por causas alleas á organización; se tal extremo chegara a ocorrer, notificaríase a través da web do evento e da propia de Dano Cerebral Galicia.
Apoios e agasallos
Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo organizan unha Carreira e Andaina Solidaria que conta co apoio e financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Fundación José Otero - Carmela Martínez.
Colaboran ademais co evento diferentes organismos e entidades a través da cesión de materiais, patrocinios ou doazóns: o Concello de Lugo, Eroski, Toldos Gómez, Daveiga, Candelas, CD Lugo, CB Breogán, Fundación Breogán, Caixa Rural Galega e Ndorfina.
Varias destas entidades, e outras que se van presentar nos vindeiros días, realizarán achegas para os sorteos que terán lugar ao final da entrega de trofeos.
Ademais, todas as persoas inscritas recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa e gozarán de avituallamento líquido e sólido.