- Ámbito
- Melide
- Data
Organizado en colaboración da Asociación de Mulleres Rurais Alecrín e co financiamento da Deputación da Coruña.
Dano Cerebral Galicia abriu o prazo de inscrición nunha nova edición, en Melide, do curso 'Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido', dirixido principalmente a persoas coidadoras, sexan formais ou informais ou familiares, así como ás propias persoas con esta discapacidade, profesionais en formación ou poboación xeral interesada.
A actividade formativa é presencial e gratuíta, e contan coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais Alecrín, de Melide. Ten unha duración de dez horas que se van repartir en tres sesións: 16 e 17 de xuño, en horario de 16:30 a 19:30, e 18 de xuño, comezando á mesma hora pero estendendo a formación ata as 20:30. O lugar é o baixo do Telecentro CLUN (Rúa Codeseira, 38-40, na localidade coruñesa.
A inscrición pode realizarse a través deste formulario online. Tamén é posible facelo chamando ao 699 120 465.
As persoas que completen o curso recibirán un certificado emitido pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), do Sergas. A Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da devandita Axencia, participa na organización da actividade formativa.
Dano Cerebral Galicia conta tamén co financiamento da Deputación da Coruña para a realización desta actividade formativa.
Un temario destinado a coñecer a especificidade do dano cerebral adquirido
O obxectivo da formación, que imparten profesionais de Dano Cerebral Galicia, é mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido través da capacitación de quen que se fai cargo do seu coidado na casa. Ademais, este curso tamén redunda positivamente nas persoas coidadoras, pois aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa en situación de dependencia.
Así, o temario de contidos do curso combina teoría e práctica e aborda os seguintes aspectos: ‘Detección do DCA’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con DCA’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral adquirido e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Ocupacións: Accesibilidade e produtos de apoio'; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.