- Ámbito
- Online
- Data
O acto, na mañá do 16 de abril, inclúe unha mesa de boas prácticas na que imos presentar o labor realizado no marco do Proxecto Rumbo.
A terapeuta ocupacional de Dano Cerebral Galicia, Inés Mosquera, vai participar o vindeiro 16 de abril nun seminario online organizado pola EAPN Galicia que leva por título Desinstitucionalización: claves para avanzar cara novos modelos de autonomía persoal. Presentará as iniciativas desenvolvidas dentro do Proxecto Rumbo, que despregamos entre 2022 e 2024 para testar modelos innovadores de promoción da vida independente para as persoas con dano cerebral adquirido.
EAPN Galicia organiza a xornada, dirixida a entidades sociais, administracións públicas e outros actores sociais, co obxectivo de poñer en común "as aprendizaxes e boas prácticas das entidades sociais no eido da desinstitucionalización, identificar os retos e oportunidades pendentes para implementar modelos de autonomía persoal e presentar unha serie de propostas que permitan avanzar no ámbito da desinstitucionalización das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión".
Ademais, a rede contra a pobreza vai presentar o documento 'Desinstitucionalización: Aprendizaxes, retos e propostas para un modelo de autonomía persoal das persoas que viven situacións de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión', no que traballou ao longo de 2025 o Grupo de Desinstitucionalización, que contou tamén con representación de Dano Cerebral Galicia.
Programa e inscrición
A inscrición é de balde e tramítase desde esta ligazón. EAPN Galicia ten previsto que se estenda durante algo máis de dúas horas e media, comezando ás 10:00, o xoves 16 de abril. O programa pode descargarse aquí.
Trala benvida, Patricia Blanco, xerente de Autismo Galicia, vai ofrecer unha palestra sobre 'Desinstitucionalización: unha lectura do momento actual'. A continuación, presentarase o documento elaborado ao longo do ano pasado con propostas para un novo modelo de autonomía persoal.
Ás 10:45 haberá un panel de 'Boas prácticas das entidades sociais nos procesos de desinstitucionalización', onde participa Dano Cerebral Galicia xunto con Lenda Saúde Mental, Igaxes e CDR O Viso.
Segue, ás 11:30, outro panel 'Cara a autonomía persoal: claves para avanzar a novos modelos de apoio e coidados', con Laura Buján (profesora de Socioloxía da UDC) e Laura Esteban (profesora de Psicoloxía da USAL e investigadora do INICO).