- Ámbito
- Lugo
- Data
A cita é o domingo a partir das 9:00 na Praza Maior de Lugo; e desde esta tarde pódense recoller dorsais e camisetas na tenda Ndorfina.
Esta noite pechou a inscrición na 5ª Carreira e Andaina Camiñando Polo Dano Cerebral e son 450 as persoas que van participar na actividade solidaria este domingo. Dano Cerebral Galicia agradece a todas e cada unha das persoas inscritas a súa implicación solidaria nunha proba que xa ostenta o record de participación de todas as convocadas ata hoxe. Todo un éxito de convocatoria para celebrar os 20 anos da asociación Dano Cerebral Lugo.
Dorsais en Ndorfina desde hoxe á tarde
Desde a tarde de hoxe, venres 8 de maio, os dorsais e camisetas conmemorativas están dispoñibles na tenda Ndorfina (Praza do Campo Castelo, 57), en Lugo, o en horario de 17:00 a 20:30. Tamén se poden recoller mañá sábado 9 de 10:00 a 13:45 e de 17:00 a 20:30.
As persoas que queiran recollelos o mesmo día da proba poden achegarse á Praza Maior de Lugo desde as 9:00 da mañá.
Horarios para o domingo
A proba deportiva será o domingo e conta con diferentes convocatorias: desde as 9:00 comeza a animación e a recollida de dorsais, ás 9:45 sae a categoría absoluta, ás 11:00 as categorías Sub 16 e Sub 14 -conxuntamente, cun percorrido de 1.200 metros-, ás 11:15 saen as categorías Sub 12 e Sub 10 -tamén ao mesmo tempo, con 600 metros de itinerario- e, por último, ás 11:25, a categoría Pitufos (nenos e nenas nacidos a partir de 2019).
Cando rematen as carreiras terá lugar o acto de entrega de trofeos, nun podio localizado na Praza Maior, que tamén é punto de saída e chegada de todas as probas. Está previsto que realicen as entregas de trofeos, a partir das 11:30, a Directora Xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez; a xefa de tenda de Eroski Center A Milagrosa, Reme López; a presidenta, Ángeles Rozas, e outros membros da xunta directiva de Dano Cerebral Lugo; e o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández.
Por último, a partir das 12:00 sairá a Andaina que, con case 200 persoas, percorrerá a muralla romana desde a Praza Maior.
Apoios e patrocinios
As persoas inscritas na carreira e na andaina van participar no sorteo de tres agasallos doados por outras tantas entidades colaboradoras na actividade: un lote de produtos de Cafés Candelas, unha camiseta asinada polos xogadores do CB Breogán, e outra asinada polos membros do CD Lugo.
Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo contan tamén co apoio e financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, de Caixa Rural Galega e da Fundación José Otero - Carmela Martínez.
Colaboran ademais co evento diferentes organismos e entidades a través da cesión de materiais, patrocinios ou doazóns: o Concello de Lugo, Eroski, Toldos Gómez, Daveiga, e Ndorfina.
Hai máis información sobre a proba, regulamento e inscrición na web de Dano Cerebral Galicia para actividades deportivas: polodanocerebral.org.