- Ámbito
- Galicia
- Data
Actividades de cohesión interna no marco da convocatoria que o organismo lanzou para apoiar o tecido asociativo do dano cerebral.
A Fundación ONCE, creada e promovida pola organización de persoas con discapacidade visual para a "cooperación e inclusión de persoas con discapacidade", abriu este ano unha liña de apoio ao noso colectivo. Preocupada pola mellora da calidade de vida das persoas e familias con dano cerebral adquirido, puxo en marcha unha liña de axudas da que Dano Cerebral Galicia resultou ser beneficiaria.
Fundación ONCE vehiculou esta colaboración a través de Daño Cerebral Estatal, abrindo unha convocatoria de proxectos destinada unicamente a entidades membro da Federación estatal. A nosa iniciativa, de 'Fortalecemento e cohesión do movemento asociativo do dano cerebral adquirido galego', resultou ser unha das beneficiarias.
Cohesión a través do encontro
O proxecto de Dano Cerebral Galicia destinou este investimento á organización de actividades de formación, encontro e intercambio, a través das que se estreitaron os lazos entre os diferentes grupos humanos que compoñen o tecido asociativo, ao tempo que dotan de información e referentes científicos, técnicos e sociais similares.
Onte tivo lugar a última das actividades organizadas no marco deste proxecto: unha xornada de encontro interna, destinada ao equipo profesional de Dano Cerebral Galicia, na que intercambiar experiencias e estreitar lazos a través da participación nunha actividade de ocio común: un obradoiro de cerámica.
Xuntanza e Profesionais
Unha das citas anteriores estivo tamén relacionada con este marco técnico: o 8º Encontro de Profesionais das asociacións de Dano Cerebral Galicia. Con máis de 100 asistentes das nosas cinco asociacións, esta cita serviu para adentrar aos nosos equipos profesionais no campo da investigación científica e académica.
Cos obxectivos de compartir ideas, deseñar iniciativas conxuntas e fraguar posibles proxectos que desenvolvan e incrementen o coñecemento científico e técnico sobre o dano cerebral adquirido, as persoas asistentes tiveron tamén a posibilidade de afondar un pouco máis nos modelos de traballo de cada unha das asociacións federadas.
A outra iniciativa incluída no proxecto que apoia a Fundación ONCE foi a III Xuntanza de persoas e familias con dano cerebral adquirido, que reuniu a máis de 230 integrantes do movemento asociativo en abril, nunha xornada de reflexión histórica, análise da evolución da Federación e asociacións, e tamén moita festa e diversión.