- Ámbito
- Madrid
- Data
Colaboramos na realización desta investigación, realizada polo Observatorio Estatal sobre Dano Cerebral, unha iniciativa de Daño Cerebral Estatal.
O Observatorio Estatal sobre Dano Cerebral —unha iniciativa de Daño Cerebral Estatal en colaboración coa Secretaría de Estado de Dereitos Sociais do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030— presentou o seu último estudo a primeiros de decembro, centrado en analizar a infradetección do Dano Cerebral Adquirido en España. A investigación, financiada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e desenvolvida xunto a Andaira, Consultora de Investigación Social, pon de manifesto as barreiras existentes para identificar adecuadamente a nosa discapacidade e avanzar cara unha atención máis eficaz, equitativa e baseada en evidencia.
O novo informe afonda nos problemas derivados da falta de detección do dano cerebral e en como esta situación condiciona a planificación de recursos, o seguimento clínico e a toma de decisións. Para a súa elaboración empregouse a técnica Delphi, un método colaborativo no que participaron especialistas en neuroloxía, neurocirurxía, documentación clínica, medicina rehabilitadora, atención primaria, neuropsicoloxía e representantes do movemento asociativo, entre eles a directora de Dano Cerebral Galicia, Leticia Vila. Grazas a este proceso, construíuse unha listaxe de case 1.000 códigos e subcódigos da CIE-10 relacionados con etioloxías e secuelas do dano cerebral, así como un percorrido asistencial tipo que identifica os momentos clave de detección e codificación.
O Observatorio ten como misión xerar, analizar e difundir coñecemento sobre a realidade e as necesidades das persoas con dano cerebral e as súas familias, co fin de defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. Para iso, desenvolve labores de investigación social mediante a recompilación e análise de datos, a avaliación de recursos, a formulación de propostas dirixidas ás administracións públicas e a difusión de estudos que visibilizan esta realidade.
O estudo pode descargarse aquí.
Conclusións e propostas clave
1. Incorporación dun código diagnóstico específico de dano cerebral adquirido.
Unha das principais conclusións do estudo é a necesidade urxente de incluír un código diagnóstico claro para o DCA nos sistemas sanitarios. A actual clasificación CIE-10 non contempla o dano cerebral como conxunto de secuelas, o que dificulta a estandarización de protocolos, o seguimento de casos e a planificación de recursos.
O estudo propón crear un código específico na CIE-11 e aproveitar os códigos xa existentes en CIE-10 para mellorar a detección e realizar estudos epidemiolóxicos máis precisos. Esta medida permitiría activar alertas de seguimento, rexistrar a evolución dos pacientes e aplicar boas prácticas de forma sistemática.
2. Protocolos de identificación e seguimento desde a fase aguda.
O informe subliña a importancia de detectar o dano cerebral desde o primeiro momento, avaliando secuelas, derivando aos recursos adecuados e asegurando un seguimento multidisciplinar. Para iso, formúlase:
- Implantar roteiros diagnósticos e escalas de valoración.
- Introducir indicadores específicos de dano cerebral na historia clínica electrónica.
- Incorporar perfís especializados, como neuropsicólogos/as e persoal médico rehabilitador de referencia.
Estas medidas contribuirían a un seguimento lonxitudinal máis eficiente e a unha mellor recuperación funcional, aínda que a súa viabilidade depende da coordinación interinstitucional e da dispoñibilidade de recursos nos distintos territorios.
3. Sensibilización e formación para visibilizar un problema invisible.
A escasa comprensión social e profesional do dano cerebral é unha barreira crave na súa infradetección. Por iso, o estudo defende a necesidade de:
- Elaborar un censo de dano cerebral que integre datos clínicos e sociais.
- Impulsar campañas de sensibilización sobre secuelas invisibles.
- Promover a detección precoz para identificar casos leves que actualmente non acceden á atención adecuada.
Estas accións son consideradas de alto impacto e altamente viables.
4. Continuidade, calidade e equidade na atención sociosanitaria.
O estudo tamén expón medidas para garantir unha atención integral e equitativa en todo o territorio. Entre elas:
- Mellorar a coordinación entre niveis asistenciais e recursos sociais.
- Codificar déficits e secuelas en distintas fases do proceso asistencial.
- Incorporar o traballo social hospitalario e comunitario desde a fase aguda para atender necesidades sociais e impulsar a integración comunitaria.
Aínda que algunhas destas medidas requiren cambios estruturais e maior investimento, o informe destaca o seu potencial transformador para garantir dereitos e mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral.
Un paso adiante cara a políticas baseadas en evidencia
A infradetección do dano cerebral adquirido limita a visibilidade epidemiolóxica, prexudica a planificación de servizos e xera desigualdades na atención. Con este estudo, o Observatorio Estatal sobre Dano Cerebral achega ferramentas e propostas concretas para reverter esta situación e avanzar cara a un sistema sociosanitario máis xusto e eficiente.
Información extraída da páxina web de Daño Cerebral Estatal.