- Ámbito
- Galicia
- Data
As asociacións membro de Dano Cerebral Galicia retomaron o curso en setembro con diferentes propostas e accións.
Rematou setembro e con el un mes no que as asociacións de dano cerebral se foron incorporando á actividade rutineira.
ADACECO participou, precisamente inaugurando o curso, nas xornadas de benvida ao estudantado que organiza a Universidade da Coruña. O día 19 de setembro a entidade coruñesa amosou os recursos e servizos aos novos e novas estudantes, dando a coñecer o seu labor, e promovendo tamén a súa acollida na Universidade e na cidade.
ADACE Lugo colaborou con Dano Cerebral Galicia na sesión informativa sobre ocio inclusivo e accesible para profesionais da cultura que tivo lugar o 24 de setembro no Auditorio do Vello Cárcere. A directora da entidade, Iria Abel, presentou os servizos da asociación aos axentes culturais locais que asistiron á cita.
Alento beneficiouse do Proxecto Rumbo a través dunha iniciativa de Daño Cerebral Estatal. A nosa Federación española realizou xunto con AFANIAS unha avaliación da accesibilidade cognitiva dos centros de día e residencial de Alento, achegando pautas para mellorala.
DCA Ourense salienta o labor da terapia ocupacional nunha das actividades básicas da vida diaria máis demandadas polas súas persoas usuarias: poder ir ao baño de xeito autónomo. Así, desenvolveron un exercicio para potenciar a mobilidade do ombro e poder realizar a hixiene posterior ao uso do WC individualmente.
Sarela presentou a súa incorporación ao proceso de confluencia á marca común do movemento asociativo afirmando que "somos Dano Cerebral Santiago de Compostela". Un novo nome e marca para unha mesma visión e valores, que se manteñen firmes desde o ano 2000.