O dano cerebral adquirido (abreviado coas siglas DCA) é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Caracterízase por ter unha aparición súbita e polo conxunto variado de secuelas que presenta segundo a área do cerebro lesionada e a gravidade do dano. En Galicia estímase que hai máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido, o que representa máis do 1% da poboación total.
O dano cerebral adquirido é a discapacidade orixinada por unha lesión nas estruturas cerebrais que aparece de forma súbita en persoas que naceron sen ningún tipo de dano no cerebro.
Esta lesión pode estar causada por un ictus, unha enfermidade (como un tumor cerebral, anoxia, doenza metabólica...) ou por un traumatismo cranioencefálico (debido a un accidente de tráfico ou laboral, unha caída…). Por tanto, non debe confundirse coa parálise cerebral, o Alzhéimer ou outro tipo de demencias.
O dano cerebral adquirido maniféstase a través dun grande abano de secuelas, que varían en función do tipo lesión e a súa intensidade, e que poden afectar ás funcións físicas, sensoriais, cognitivas, emocionais e/ou condutuais das persoas.
O dano cerebral adquirido pode ter causas moi variadas, que poden agruparse en función da súa orixe: se esta depende de variables internas ao organismo (como enfermidades) ou se é provocada por variables externas ao mesmo, é dicir, orixinadas polo ambiente (como golpes).
Atendendo a súa incidencia, é dicir, ao número de casos rexistrados, o ictus é a principal causa do dano cerebral adquirido, seguido dos traumatismos cranioencefálicos (abreviados como TCE) e e, en menor medida, de enfermidades como anoxias, tumores cerebrais, doenzas metabólicas ou infeccións.
Dende que se produce a lesión até que esta se estabiliza, as persoas con dano cerebral adquirido pasan por diferentes etapas, que requiren atención e recursos diferentes e nas que interveñen distintos profesionais e sistemas de atención.
-
Fase aguda: correspóndese cos primeiros momentos despois da lesión, nos que existe risco vital. Nesta fase os servizos sanitarios teñen como obxectivo salvar a vida da persoa e minimizar as lesións e as súas secuelas. A persoa atópase hospitalizada (na UCI, nunha unidade de ictus ou nos servizos de neuroloxía ou neurocirurxía) e pode estar plenamente consciente ou manifestar alteracións de conciencia en graos diversos, que poden chegar até o coma. Debido a que cada lesión cerebral é diferente, é difícil prognosticar a evolución e o alcance do dano.
-
Fase subaguda: a persoa xa está estabilizada, a súa vida non corre perigo e necesita comezar a recibir rehabilitación. Os esforzos de atención céntranse en actividades restauradoras, compensadoras ou de modificación da contorna, orientadas a facilitar unha recuperación funcional. Aínda que esta fase debería desenvolverse en unidades de rehabilitación hospitalaria, hospitais de día ou unidades de atención ambulatoria, a carencia de recursos públicos provoca que moitas persoas reciban a alta sen acceder aos procesos de rehabilitación que necesitan.
-
Fase crónica: correspóndese coa fase en que as secuelas están estabilizadas. A persoa xa non precisa coidados médicos e pode volver ao seu domicilio. As familias afrontan un gran reto, xa que teñen que asumir a responsabilidade dos coidados e adaptar o fogar ás novas necesidades, con obras que poden chegar a ser moi custosas. É o momento de acceder a un centro de día, vivenda de transición á vida independente ou residencia.
As secuelas asociadas ao dano cerebral adquirido son heteroxéneas e varían enormemente, entre outros factores, en función da persoa, da área do cerebro lesionada, da intensidade e duración da lesión ou do tempo que se tardou en atender no centro hospitalario. Por este motivo, unha mesma persoa pode presentar alteracións, en diferentes proporcións e intensidades, nunha ou varias áreas.
Con todo, hai algunhas secuelas que son máis significativas ou se presentan en maior medida ca outras. Pódense agrupar segundo sexan de tipo físico, sensorial, cognitivo, emocional e/ou condutual:
-
As secuelas físicas ou motoras afectan ao aparato locomotor. Entre as máis frecuentes destacan as dificultades de mobilidade en diferentes partes do corpo, a hemiparesia (dificultade para mover unha metade do corpo), os trastornos da marcha ou da coordinación, a perda de forza e do ton postural (hipotonía, espasticidade etc.), a disfaxia, tremores, os problemas de control de esfínteres etc.
-
As secuelas sensoriais afectan a un ou máis sentidos. Destacan a perda total ou parcial da visión e/ou audición, a visión dobre e/ou a diminución ou ausencia da sensibilidade nunha ou varias partes do corpo.
-
As secuelas cognitivas afectan á capacidade de aprender, reflexionar e tomar decisións baseadas nun razoamento. Algúns exemplos deste tipo de secuelas son a desorientación, os problemas de atención, a alteración no nivel de alerta ou conciencia, as dificultades na linguaxe e/ou comunicación (como as afasias), os trastornos na percepción ou as alteracións nas función executivas (planificación, metacognición etc.), entre outras.
-
As secuelas emocionais inclúen desde estados depresivos ou de ansiedade até labilidade emocional (dificultade no control e manexo das emocións).
-
As secuelas condutuais refírense á aparición de condutas non adecuadas ou inapropiadas en determinados contextos sociais, como pode ser a impulsividade, episodios de agresividade etc.
As secuelas que afectan aos niveis cognitivo, neuropsicolóxico e relacional, coñecidas como 'secuelas invisibles', adoitan non ser comprendidas socialmente. Malia que poden comprometer a calidade de vida e a independencia das persoas, ao non ser visibles ou facilmente recoñecibles a primeira vista, resulta máis complexo sensibilizar á poboación sobre a súa existencia e as barreiras que xeran.
Podemos dicir que o dano cerebral adquirido é unha discapacidade recente, principalmente por dous motivos. Por un lado, o envellecemento poboacional e os cambios nos hábitos de vida incrementaron a incidencia do ictus. Por outro lado, os progresos científicos e as melloras nos recursos de atención médica de urxencias permitiron aumentar o número de persoas que sobreviven, aínda que con secuelas, a un ictus e outro tipo de lesión cerebrais.
Se atendemos a incidencia, é dicir, ao número de casos novos que se producen nun ano nunha poboación determinada, o dano cerebral adquirido é a principal causa de discapacidade entre a poboación adulta de Galicia e España.
En canto á prevalencia, isto é, á proporción de individuos dunha poboación que presentan unha característica determinada nun período concreto, en Galicia son máis son máis de 35.000 persoas as que presentan dano cerebral adquirido, o que representa case un 1% da poboación total da nosa autonomía. Segundo estas cifras, extraídas da Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia (EDAD) de 2022, elaborada e publicada polo INE, Galicia, Asturias e Murcia son as comunidades autónomas que presentan as taxas de prevalencia máis altas por cada 100.000 habitantes.