En Dano Cerebral Galicia temos un forte compromiso coa capacitación da poboación no coñecemento do dano cerebral adquirido. No marco da estratexia de mellora da calidade de vida das persoas do colectivo, unha das nosas liñas de acción consiste na organización de accións formativas dirixidas tanto ás persoas que realizan coidados no eido domiciliario como a diferentes perfís profesionais do eido sociosanitario, así como a alumnado universitario e de formación profesional de disciplinas implicadas na atención ás persoas con esta discapacidade. As actividades formativas desenvólvense tanto a través de sesións presenciais como na plataforma virtual de teleformación 'Escola Dano Cerebral'.
A Escola Dano Cerebral é unha plataforma virtual a través da que se pode acceder a cursos especializados en dano cerebral adquirido deseñados e elaborados por Dano Cerebral Galicia. Esta ferramenta facilita a formación a distancia a través da aprendizaxe autónoma, permitindo á persoa usuaria acceder ás formacións en calquera momento e desde calquera lugar con conexión a Internet.
Os cursos ofrecen recursos textuais, gráficos e audiovisuais, exercicios interactivos de autocorrección deseñados para revisar a adquisición de coñecementos e material de consulta complementario.
As persoas matriculadas dispoñen dun período de tempo determinado para completar o curso, durante o cal contan co acompañamento titorizado de profesionais da Federación. Unha vez superadas as diferentes probas establecidas, o alumnado pode solicitar o certificado de realización do curso.
Todas as formacións ofrecidas son gratuítas, pero é precisa a inscrición previa debido a que as prazas son limitadas.
Accede á páxina web da Escola Dano Cerebral para consultar as formacións dispoñible e os períodos de matrícula. Tamén podes subscribirte ao noso boletín dixital, seguir as nosas contas en redes sociais ou visitar periodicamente a sección de noticias da web para non perder ningunha proposta formativa.
Escola Dano Cerebral
Consulta as convocatorias abertas na nosa plataforma de teleformación virtual. Ofrecemos cursos de capacitación profesional sobre o dano cerebral adquirido para persoal técnico e sociosanitario, familias e público xeral.
InscríbeteA oferta formativa de Dano Cerebral Galicia inclúe actividades presenciais e virtuais impartidas polo equipo profesional. Para o seu desenvolvemento, a Federación adoita colaborar con outros organismos, entidades e institucións, coas que amplía a proxección da actividade e elabora recursos especializados.
Obradoiro de autocoidados para persoas coidadoras
Sesión dirixida a persoas que realizan coidados informais no eido do dano cerebral adquirido.
Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido
Curso para a adquisición de coñecementos especializados no coidado a domicilio de persoas con dano cerebral dirixido a persoas coidadoras, profesionais ou informais.
Sexualidade e dano cerebral adquirido
Curso de capacitación para a abordaxe da sexualidade en persoas con dano cerebral dirixido a profesionais sociosanitarias, coidadoras informais e público xeral.
Alimentación, deglutición e nutrición no dano cerebral adquirido
Curso de capacitación para a abordaxe no eido domiciliario das dificultades e particularidades na alimentación e nutrición de persoas con dano cerebral nas fases subaguda e crónica.
Apoio a persoas con dano cerebral en residencias non especializadas
Curso de capacitación de equipos profesionais de centros residenciais non especializados na atención de persoas con dano cerebral adquirido.