Anualmente, a Plataforma de ONG de Acción Social lanza unha campaña estatal para animar ás persoas contribuíntes a marcar o recadro 106, denominado 'Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social', ao realizar a súa declaración da renda.
Esta decisión implica que o 0,7% do IRPF se destina á realización de programas de entidades sociais sen ánimo de lucro. Por tanto, é unha escolla que non ten ningún custo para a persoa contribuínte pero que sostén proxectos dedicados a garantir os dereitos da cidadanía, especialmente da que se atope en situación de vulnerabilidade, e a loitar contra a pobreza, a exclusión social e as desigualdades.
De feito, os fondos recadados a través das persoas que escollen este recadro, coñecido como X Solidario, son unha importante fonte de financiamento de entidades como Dano Cerebral Galicia e as nosas asociacións federadas.
Ademais, desde 2019 tamén as empresas poden dedicar a fins sociais o 0,7% da tributación que realizan a través do Imposto de Sociedades. As compañías que presentan o modelo 200, deben cubrir a casa 00073, no apartado ’outros caracteres – fins sociais’, e as que presentan o modelo 220, o recadro 069.