Desde a Federación entendemos prioritario situar ao dano cerebral adquirido no centro das políticas públicas sobre discapacidade, tanto pola súa presenza social, que o eleva a problema de saúde público de primeira orde, como polas estimacións de crecemento da súa incidencia e prevalencia para os vindeiros anos.
Como primeiro paso nesta dirección, na liña do demandado desde hai anos polo CERMI, a Federación propón a creación no Parlamento de Galicia dunha Comisión Permanente e Lexislativa para Persoas con Discapacidade, encargada de analizar a situación do colectivo e as súas familias, formular propostas e recomendacións de mellora, así como facer o seguimento das políticas públicas autonómicas de discapacidade.
Este instrumento permitiría dar á discapacidade un status prioritario na axenda política e lexislativa, asegurando unha atención focalizada e especializada nas necesidades e dereitos do colectivo, así como fortalecer a cooperación do Parlamento coas entidades sociais do terceiro sector, puidendo participar estas no deseño e avaliación das políticas públicas sobre discapacidade.
En canto aos eixos de actuación da axenda a impulsar nos próximos anos, desde Dano Cerebral Galicia apuntamos a catro áreas prioritarias: financiamento, atención sociosanitaria, políticas sociolaborais e dereito á accesibilidade universal.
No eido económico, defendemos un modelo de financiamento estable e proporcionado ás necesidades do colectivo.
A aprobación a finais de 2023 do concerto social para a prestación de servizos sociais en Galicia puxo fin a unha situación de grande incerteza para o movemento asociativo. Porén, existen unha serie de recursos igualmente imprescindibles para garantir a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido que non se atopan baixo o paraugas do concerto social (como os servizos de rehabilitación multisdisciplinares; os servizos de orientación, información e apoio ás familias; o servizo de orientación laboral e os servizos de ocio e inclusión; así como as liñas de actuación da Federación centradas na sensibilización, a capacitación e a investigación, entre outras).
Estes recursos son financiados, en boa medida, polo convenio nominativo, unha fórmula que consideramos axeitada para a cooperación entre administración pública e entidades sociais, pero que é inestable e está infradotada.
Para evitar a ameaza constante á viabilidade dos servizos prestados derivada do déficit orzamentario e dos vaivéns provocados pola conxuntura, desde o movemento asociativo consideramos imprescindible a implantación dun modelo de financiamento autonómico estable, que permita a continuidade plurianual na atención e a planificación a longo prazo; e sustentable, de forma que responda proporcional e adecuadamente á acción técnica desenvolta.
No eido sociosanitario, defendemos a dotación de recursos e a ampliación da carteira de servizos.
En primeiro lugar, demandamos a posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado (PAI) de Dano Cerebral Adquirido, aprobado en 2023, de forma integral e homoxénea en todas as áreas sanitarias. É precisa a reestruturación dos servizos existentes e ampliación ou dotación de novos recursos materiais, técnicos e humanos para que esta implantación se realice no menor tempo posible.
En segundo lugar, defendemos a necesidade de intensificar a estratexia de prevención a través campañas de información e actividades formativas dirixidas ao conxunto da poboación e, especialmente, aos colectivos de risco (maiores de 55 anos, en caso dos ictus, e persoas novas, en relación cos traumatismos cranioencefálicos causados por accidentes de tráfico). Identificamos dous niveis sobre os que resulta urxente poñer o foco:
- A identificación dos síntomas de alarma. Segundo datos compartidos durante a presentación do documento de actualización do Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, unha persoa tarda 254 minutos de media en chamar ao 061 desde que é consciente de que pode ter un ictus (cifra que supón un aumento de 50 minutos respecto aos datos rexistrados en 2021).
- Divulgación de medidas de prevención sobre os factores de risco. Tal e como apunta a Organización Mundial do Ictus (WSO), o 90% dos ictus están asociados con factores de risco modificables, é dicir, sobre os que se pode intervir (presión arterial alta, fibrilación auricular, tabaquismo, inactividade física, diabetes, colesterol alto, consumo de tabaco e alcol etc).
En terceiro lugar, entendemos fundamental ampliar os recursos para atención de persoas en fase crónica mediante:
- A inclusión de pacientes con secuelas susceptibles de tratamento rehabilitador domiciliario.
- A posta en marcha de tratamento rehabilitador intensivo en réxime ambulatorio para garantir que as persoas que non requiran ingreso hospitalario reciban a intensidade de rehabilitación necesaria.
- A implantación de modelos de atención e coidados sociosanitarios de proximidade executados conxuntamente entre a administración pública e o tecido asociativo, que aseguren a equidade no acceso a atención terapéutica e social continuada en toda a xeografía galega e permitan que as persoas con dano cerebral adquirido poidan manterse na súa contorna.
- O aumento da intensidade dos servizos de axuda no fogar e a mellora da formación do seu cadro de profesionais para que desenvolvan o seu traballo de maneira digna, eficiente e con calidade.
- A ampliación do PAI naqueles aspectos necesarios para abranguer a especificidade que poida existir na atención ao dano cerebral infantil.
En cuarto lugar, entendemos impresdindible o incremento dos servizos e recursos, tanto humanos como técnicos, de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia para impulsar un modelo de atención ás persoas con discapacidade que facilite a súa vida independente e o seu mantemento na súa contorna familiar e comunitaria, previndo a institucionalización non desexada.
No eido sociolaboral, entendemos urxente solucionar a desigualdade no acceso ao emprego público das persoas con dano cerebral adquirido, derivada do incumprimento do dereito á accesibilidade cognitiva, e as carencias do Servizo Público de Emprego na atención ás necesidades específicas do colectivo.
Por unha banda, as persoas con dano cerebral adquirido afrontan o acceso ao emprego público desde unha posición de desigualdade respecto a outras persoas con discapacidade. As persoas con dano cerebral adquirido, que poden ter secuelas cognitivas que afectan a habilidades fundamentais para un proceso de oposición, como a capacidade de concentración ou a memoria, compiten con persoas con discapacidade física, que non teñen as mesmas dificultades.
Por outro lado, as persoas con discapacidade, en xeral, e con dano cerebral adquirido, en particular, precisan dunha orientación laboral especializada que non están a recibir no Servizo Público de Emprego, fundamentalmente debido a:
- O descoñecemento sobre a especificidade das secuelas do dano cerebral adquirido, especialmente daquelas que chamamos ‘invisibles’ (as emocionais, condutuais e cognitivas).
- A derivación rutineira a recursos de orientación laboral que, malia contar con moitos anos de percorrido, non teñen especialización na nosa discapacidade. Cómpre ter en conta que a diversidade de secuelas no dano cerebral adquirido e o distinto grao de gravidade segundo o caso abre un abano de perfís de persoas usuarias e necesidades que requiren unha abordaxe individualizada.
Para solucionar estas eivas, desde Dano Cerebral Galicia consideramos fundamental aplicar, cando menos, as seguintes medidas:
- A creación dunha cota específica de ‘discapacidade cognitiva’ nas ofertas de emprego público destinadas a discapacidade intelectual para as persoas con dano cerebral adquirido que posúan un certificado de discapacidade no que se reflictan secuelas cognitivas e/ou intelectuais.
- A dotación de maior apoio e competencias ás entidades sociais non lucrativas do sector da discapacidade para que se convertan en colaboradoras estables e profesionalizadas do sistema autonómico de emprego. Esta consideración permitiría a coordinación e derivación das persoas do colectivo a aquelas entidades que, segundo as súas necesidades, poidan ofrecerlle unha atención especializada.
- A activación de itinerarios personalizados de inserción laboral, que comprendan orientación, acompañamento, formación e contratos de traballo dirixidos a persoas desempregadas con discapacidade, en xeral, e con dano cerebral adquirido en particular.
- A capacitación e cualificación do cadro de persoal do Servizo Público de Emprego e dos servizos sociais a través de formacións en materia de sensibilización e formación respecto das capacidades e aptitudes que presentan as persoas con discapacidade e a adaptación dos postos de traballo, así como sobre igualdade de oportunidades.
Reclamamos a garantía da efectiva aplicación e exercicio do dereito á accesibilidade universal e a incorporación do mesmo en todas as políticas, estratexias, programas e accións gobernamentais do Executivo galego.
Para lograrlo, resulta urxente a aprobación e entrada en vigor do regulamento de desenvolvemento e do código de accesibilidade que conteña todas as normas técnicas aplicables na materia, conforme á disposición derradeira primeira, da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia.
Igualmente, requirimos a posta en marcha, tal e recolle a mesma Lei, do Plan galego de accesibilidade, en cuxo deseño, aplicación e seguimento deben participar as entidades sociais de discapacidade a través da súa representación no Consello Galego para a Promoción de Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.
O desenvolvemento normativo debe ter en conta as achegas realizadas pola Comisión de Accesibilidade do CERMI-Galicia, así como, na nosa opinión, prestar especial atención a dúas cuestións:
- Garantir a efectiva accesibilidade universal no acceso aos bens e servizos das administracións públicas e ás relacións da cidadanía con estas. Ademais do xa sinalado en relación co acceso ao emprego público das persoas con dano cerebral adquirido, é prioritaria a garantía da accesibilidade universal no acceso electrónico aos servizos públicos e ao desenvolvemento da Administración electrónica, previndo as discriminacións derivadas da fenda dixital a través do deseño para todos e dos apoios necesarios.
- Eliminar a concorrencia non competitiva para a adxudicación de axudas públicas por ser unha modalidade que agranda as desigualdades. Debido a que a concesión funciona por orde de chegada de solicitudes ata o esgotamento do crédito orzamentario, prímase a rapidez sobre criterios de valoración que avalíen a necesidade da persoa solicitante de obter a axuda. Ademais, supón unha discriminación para, por exemplo, aquelas persoas menos familiarizadas coa tramitación a través da sede electrónica e/ou que teñan que desprazarse até a sede física da entidade convocante para a entrega de documentación; persoas dependentes ou con necesidades de apoio que necesiten de terceiras persoas para realizar o proceso de solicitude; persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social etc. Cómpre lembrar que baixo esta modalidade, como sucedeu co programa de mellora da accesibilidade en vivendas de 2023, os fondos dispoñibles adoitan esgotarse o mesmo día no que abre a convocatoria.