A Federación organiza anualmente ciclos de sesións informativas sobre o dano cerebral adquirido destinadas a diferentes perfís da poboación. O obxectivo é achegar información básica sobre factores de risco, causas, secuelas, recursos de atención e rehabilitación da discapacidade, así como capacitar sobre os dereitos das persoas e familias do colectivo.
As sesións informativas tentan ofrecer unha visión panorámica do dano cerebral adquirido en todas as súas dimensións: as causas, os factores de risco, as posibles secuelas e necesidades de atención, o modelo de abordaxe da discapacidade levado a cabo nas asociacións da Federación e os recursos de atención existentes. Para a súa realización, desde Dano Cerebral Galicia buscamos a colaboración de asociacións de mulleres rurais, servizos sociais municipais, entidades privadas e tecido empresarial.
A Federación enfoca o contido das sesións s segundo as particularidades da poboación á que se dirixe e as preguntas e necesidades informativas que estas poidan demandar:
-
Persoas con dano cerebral adquirido, as súas familias, persoas coidadoras e contorna comunitaria, con especial foco nas áreas rurais e envellecidas.
-
Principais grupos de risco do ictus (persoas maiores de 50 anos e, especialmente mulleres) e de traumatismos cranioencefálicos por accidentes laborais (cadro de persoal de empresas) e accidentes de tráfico (alumnado de institutos e centros de formación secundaria).
-
Profesionais sociosanitarias implicadas na atención do dano cerebral adquirido (integrantes dos equipos técnicos das asociacións federadas, profesionais do sistema sanitario galego, dos servizos sociais municipais, dos servizos de axuda no fogar dos concellos etc).
-
Estudantado de itinerarios profesionais implicados na atención e coidado das persoas con dano cerebral adquirido.
As charlas informativas realízanse con financiamento da Consellaría de Política Social e Igualdade, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
Queres que organicemos unha charla?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade