O 90% dos casos de ictus pódese evitar a través do control dos factores de risco e duns hábitos de vida saudable. Dano Cerebral Galicia e a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC) traballaron conxuntamente para crear a Axenda da prevención do ictus e o folleto Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus.
Dano Cerebral Galicia e AGEFEC vinculáronse a través dun convenio de colaboración asinado en 2024 co obxectivo común de promover a saúde e previr a principal causa de dano cerebral adquirido, o ictus. A OMS determinou que ata o 90% dos casos de ictus podería evitarse intervindo nos factores de risco do ictus, polo que a preocupación pola sensibilización social arredor dos mesmos é unha prioridade para ambos organismos.
Así, en 2025 constituímos dous grupos de traballo para comezar a desenvolver o noso acordo de colaboración: un de atención á cronicidade, e outro de promoción dun estilo de vida saudable. O labor desdes dous grupos frutificou na creación de dous documentos: a Axenda da prevención do ictus e o folleto Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus. Presentáronse o Día Mundial do Ictus de 2025 nunha Xornada de Prevención organizada na Consellería de Sanidade.
Axenda da prevención do ictus
O grupo de traballo de atención á cronicidade centrouse na abordaxe dos principais factores de risco: hipertensión arterial, diabetes, dislipemia e obesidade, para crear unha Axenda da prevención do ictus destinada ao manexo por parte da persoa que os presenta. Cada un dos capítulos do caderno ten unha estrutura similar: define o factor de risco; detalla os parámetros saudables; relaciónao con outras doenzas; aconsella como facer seguimento en colaboración co persoal sanitario; recomenda hábitos a nivel de alimentación, actividade física etc.; e, por último, proporciona unha checklist para o seu seguimento anual.
Esta checklist organízase arredor dunha serie de cuestionarios nos que a persoa vai cubrindo áreas como o control do peso, as analíticas realizadas, a incorporación de hábitos de alimentación saudable, ou as sesións semanais de actividade física.
A Axenda da prevención do ictus está dispoñible en forma de caderno virtual xerado a través de Notebook LM (servizo de IA de Google). Publicarase en papel e formato dixital nas vindeiras semanas.
Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus
O grupo de traballo de estilos de vida saudables ideou un produto informativo destinado á poboación xeral, con ou sen factores de risco identificados, centrado en desmontar mitos arredor da saúde ancorando as respostas na súa correspondente fundamentación científica. Con forma de folleto despregable, titúlase Cóidate. Desmontando mitos para a prevención do ictus, e engade á anterior lista de factores de risco outros como o consumo de tabaco, o de alcol, o sedentarismo e a fibrilación auricular.
En cada un dos temas, recolle afirmacións populares, ou mitos, que a continuación desmonta con argumentacións especializadas. Por exemplo, "se non teño síntomas, a miña tensión está ben", ao que se responde que pode non dar síntomas e aínda así estar danando órganos; a idea de que a hipertensión ou o colesterol só afectan a persoas maiores; ou afirmacións como "se vou ao ximnasio unha hora ao día xa non son sedentario/a", sobre a que se indica que se o resto do día a persoa está sentada, o seu comportamento considérase sedentario.
Cada listado de mitos acompáñase de recomendacións para a prevención do ictus manexando correctamente o factor de risco en cuestión. O folleto está dispoñible en papel e publicarase en formato dixital nas vindeiras semanas.
Estas iniciativas contan co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade.