Multitude de secuelas, multitude de persoas, multitude de sensacións de ida e volta, do antes e o despois desta discapacidade adquirida que o cambia todo para a persoa e para a súa familia e contorna social. Esta reflexión sobre o dó, sobre o cambio e sobre a readaptación foi a que sobrevoou cada un dos retratos creados no marco do proxecto 'Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben'.
Estes retratos adoptaron forma de exposición, con 21 fotografías de Fuco Reyes, e 37 máis creadas nas nosas cinco asociacións polas persoas participantes en 2025 no Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral. Proximamente tamén verá a luz un libro.
"Vou ata o límite, vou ata o final. Vou onde todas as cousas perdidas volven estar ben" sentencia Bob Dylan na súa canción I Contain Multitudes. Unha declaración que podía ter saído da boca de calquera persoa con dano cerebral adquirido unha vez transitado o dó e interiorizada a cronicidade das secuelas que compoñen a súa discapacidade. Estas son diferentes en intensidade, cantidade e tipoloxía, dependen da persoa e do lugar do cerebro no que o ictus ou o traumatismo cranioencefálico -por citar as principais causas- provocou a lesión.
Multitude de secuelas, multitude de persoas, multitude de sensacións de ida e volta, do antes e o despois desta discapacidade adquirida que o cambia todo para a persoa e para a súa familia e contorna social. O cantautor Nobel levaba na canción ao presente o poema de Walt Whitman. Este, co seu "Contradígome. Son grande, conteño multitudes", tamén parece retratar a experiencia dunha persoa con dano cerebral, que é a de antes, pero tamén é unha persoa nova tralo dano. Con contradicións, non novidades, con variedade, pero tamén a mesma, sempre.