O proxecto 'Eu non son o meu dano cerebral adquirido. 20 anos do movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia' está integrado por unha publicación impresa e unha serie de curtas audiovisuais que retratan a traxectoria das entidades de persoas e familias con dano cerebral.
En 2020, con motivo do 20 aniversario da fundación das primeiras asociacións de dano cerebral adquirido en Galicia (ADACECO na Coruña, Alento en Vigo, e Sarela en Compostela), desde a Federación editamos un libro e vídeo conmemorativos titulados 'Eu non son o meu dano cerebral adquirido'. Estes materiais xurdiron despois de que a crise sociosanitaria provocada polo covid obrigara a suspender as diversas actividades programadas.
O proxecto está integrado por materiais impresos e audiovisuais.
A publicación, dispoñible para descarga, conmemora as dúas décadas de traxectoria do movemento asociativo galego a través dunha cronoloxía dos principais fitos vinculados co dano cerebral adquirido nas últimas dúas décadas, co foco posto na evolución do tecido asociativo galego, incluíndo a fundación das distintas entidades, a ampliación de servizos, os novos centros, as primeiras actividades realizadas a nivel autonómico... Unha historia de crecemento e mellora da atención ás persoas con dano cerebral complementada con fotografías e testemuños de quen protagonizou, desde diferentes espazos e con distintos roles, estes 20 anos.
Esta visión institucional complémentase con relatos en vídeo e en primeira persoa dun grupo de usuarias das cinco asociacións que conforman a Federación. Baixo o lema 'Eu non son o meu dano cerebral', comparten os seus medos, contan os seus soños, explican onde estaban hai vinte anos e proxectan onde andarán dentro de dúas décadas máis. Porque teñen ideas, previsións, historia. Porque son persoas, non son o seu dano cerebral.
O proxecto contou con financiamento da Deputación da Coruña.