A campaña de sensibilización realizada baixo o lema ‘Non se pode previr o que non se coñece’ céntrase nas múltiples secuelas invisibles do dano cerebral adquirido. A acción informativa desenvolveuse coa colaboración de RENFE entre o público usuario da operadora ferroviaria no noso país. O seu obxectivo é combater as barreiras que xeran a ignorancia ou a incomprensión destas alteracións no camiño de afrontar os retos da rehabilitación, coidado e inclusión social do colectivo.
A campaña, desenvolta entre outubro e novembro dos anos 2023 e 2024, subliña a necesidade de poñerlle nome e cara ao dano cerebral adquirido, unha denominación sobre a que aínda existe confusión en canto á realidade que describe e ás causas que o provocan.
A mensaxe remarca as múltiples secuelas que esta discapacidade comporta, con distintos graos de severidade nos planos físico, sensorial, neuropsicolóxico e relacional, e que, en moitas ocasións, poden non ser visibles ou facilmente recoñecibles a primeira vista. Con este fin, a deseñadora gráfica Raquel Boo, encargada do material creativo, xoga coas percepcións e os estereotipos a través do convite a descubrir as diferenzas entre dúas ilustracións aparentemente iguais.
Xurxo, Carme, María, Ramón e Leo, as personaxes que protagonizan a campaña, preséntanse antes e despois da chegada do dano cerebral adquirido, evidenciando que, aínda que non hai manifestacións físicas evidentes, todas elas teñen as chamadas secuelas invisibles.
A acción informativa tivo como soporte tarxetas, colocadas en 3.000 repousacabezas dos trens que prestan servizo nos corredores A Coruña-Santiago-Vigo e A Coruña-Santiago-Ourense, e cinco modelos de carteis, situados nos espazos de información ao viaxeiro de 10 estacións da nosa comunidade (Vigo-Urzáiz, Vigo-Guixar, Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela e Ferrol).
A campaña desenvolveuse con financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.