A campaña ‘O importante é chegar ben: camiñando polo dano cerebral’ busca sensibilizar na prevención do dano cerebral adquirido ás persoas que realizan o Camiño de Santiago, unha ruta na que existen riscos de sufrir accidentes de tráficos e golpes, dúas das principais causas da discapacidade.
A campaña, desenvolta no ano 2021, céntrase na prevención do dano cerebral adquirido durante a realización dalgunha das rutas que compoñen o Camiño de Santiago, un itinerario en que conviven os beneficios físicos da actividade deportiva e o benestar emocional froito da relación coa natureza con situacións de risco asociadas á posibilidade de sufrir traumatismos cranioencefálicos.
Para abordar tanto as potencialidades das rutas xacobeas como aliadas na promoción de hábitos saudables como os perigos asociados a caídas, golpes e accidentes de tráfico, deseñáronse dous tipos de actividades. Por un lado, realizáronse charlas informativas en diferentes concellos situados ao longo dos camiños a Compostela entre os meses de xuño e setembro. Por outro lado, organizáronse dúas actividades deportivas para sensibilizar desde o fomento de hábitos físicos saudables:
-
A actividade ‘’Trail e andaina solidaria 'Camiñando polo dano cerebral'’, celebrada en Ourense.
-
A camiñada colectiva da última etapa do Camiño de Santiago, en que participaron persoas con dano cerebral adquirida das cinco asociacións de Dano Cerebral Galicia.
Xunto coas actividades participativas, a campaña difundiuse a través dun tríptico informativo, editado en galego, castelán e inglés, e dun vídeo divulgativo, subtitulado para as persoas visitantes de fóra de Galicia.
Ademais de ofrecer unha breve explicación sobre o dano cerebral adquirido, en ambos os dous materiais recóllense tanto os beneficios físicos ligados á realización da ruta xacobea, asociados á prevención do ictus, como os riscos para a saúde que supón a ruta a pé ou en bicicleta. Así, enuméranse unha serie de consellos para a prevención dos traumatismos cranioencefálicos, unha causa do dano cerebral adquirido especialmente ligada aos accidentes de tráfico e aos golpes e caídas. Finalmente, os materiais ofrecen pautas tanto para aprender a detectar un ictus como para actuar ante unha emerxencia na estrada.
A campaña realizouse co financiamento da Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022 no marco do programa ‘O Teu Xacobeo’. Ademais, na organización do trail e andaina solidaria contouse coa colaboración de Gadis, Eroski, a Federación Galega de Atletismo, o Concello de Ourense, o Consello Municipal de Deportes de Ourense, Inorde Turismo de Ourense e RunManiak.