Actividade enmarcada na campaña educativa FAST Heroes, que, desde un enfoque lúdico, procura aumentar entre a poboación escolar o coñecemento dos síntomas do ictus e o procedemento a seguir cando se identifica un caso na súa contorna.
O proxecto FAST Heroes, creado polo Departamento de Educación e Política Social da Universidade de Macedonia e aprobado pola Organización Mundial do Ictus, ofrece recursos pedagóxicos para fomentar a aprendizaxe en centros de educación infantil e primaria, sobre todo entre o alumnado de 5 a 9 anos de idade.
O obxectivo principal da iniciativa, financiada pola Iniciativa Angels, é transformar o entusiasmo da cativada nunha ferramenta para transferir información nos seus fogares, especialmente aos seus maiores. Con este fin, o programa céntrase no especial vínculo existente entre nenas e nenos e avós e avoas, xa que a idade media das persoas que sufren un ictus sitúase arredor dos 70 anos.
Dano Cerebral Galicia asinou un convenio de colaboración co proxecto, vixente por un período de catro anos, para implantar a actividade nos centros educativos de Galicia, sumando novos participantes aos máis de 9.000 alumnos e alumnas xa inscritos en colexios de toda España.
A metodoloxía busca a implicación de estudantado, centros educativos e docentes a través dun divertido e interactivo programa de cinco sesións gratuítas nas que se van abordando os diferentes síntomas do ictus e os protocolos de actuación coa axuda de catro personaxes: os 'FAST Heroes'.
O nome procede das siglas en inglés 'Face Arm Speech Time' ('Cara, brazo, fala, tempo'), cos que se alude á importancia de actuar con rapidez ante a aparición dalgún dos principais indicadores de alerta dun ictus: a parálise dunha parte da cara, a perda de forza nun brazo e a dificultade para falar. Grazas á adquisión destes coñecementos, o estudantado asume o rol de heroes e heroínas encargados de salvar aos avós e avoas fronte ao malvado coágulo, a personaxe antagonista que personaliza o risco de sufrir un ictus.
Para facilitar a realización da actividade, o equipo técnico da Federación actúa como embaixadora do programa durante todo o proceso, prestando apoio nas diferentes fases e encargándose de impartir a sesión inicial e a de peche. Ademais, os centros educativos participantes reciben material didáctico para realizar a actividade (caderno con exercicios, tarxetas con mensaxes para os avós e avoas, máscaras que poden recortar, xogos, pósters etc, así como libros electrónicos para o profesorado) e teñen a oportunidade de converterse en 'Escola Promotora da Saúde' pola súa contribución á mellora da saúde do alumnado, así como das familias da comunidade educativa.
A actividade conta co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
Queres que organicemos un obradoiro?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade