O proxecto ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ está integrado por unha colección de fotografías e unha serie de curtas audiovisuais que retratan a vida cotiá das persoas do colectivo. O obxectivo é visibilizar a realidade das persoas que teñen a discapacidade desde unha mirada documental.
As fotografías que compoñen a mostra, realizadas polo fotógrafo compostelán Aigi Boga, retratan a persoas usuarias das cinco asociacións que forman parte de Dano Cerebral Galicia. Nas imaxes, tomadas no ano 2017, amósase a vida cotiá nos centros das entidades. Trátase dunha abordaxe á nova normalidade que afronta quen tivo un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido. O proxecto, lanzado en 2017 e activo até a actualidade, percorreu gran parte da xeografía galega, sendo visitada por milleiros de persoas.
O proxecto está integrado por un total de 37 fotografías, expostas en formato físico e dispoñibles de forma online na páxina People Art Factory.
Ademais, para acompañar á exposición, Dano Cerebral Galicia realizou unha serie de materiais audiovisuais que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral adquirido, familiares e profesionais das asociacións. Son un total de sete vídeos, cunha curta principal e seis pezas pequenas, que constrúen un retrato polifónico da complexidade de secuelas (físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas etc) asociadas ao dano cerebral adquirido.
O proxecto contou con diversas fontes de finanaciamento. A edición de materiais realizouse con fondos da Deputación da Coruña, a Fundación “La Caixa” e a Xunta de Galicia.