A promoción da investigación social e epidemiolóxica sobre o dano cerebral adquirido é fundamental para dispoñer de información e coñecemento cientificamente avalado que permita deseñar e/ou reaxustar ás necesidades das persoas con dano cerebral e das súas familias as políticas públicas sobre dano cerebral adquirido, así como os programas e servizos de intervención dependentes. Con este fin, desde a Federación traballamos, tanto a través de proxectos propios como en colaboración con outros axentes, no impulso e realización de estudos que aborden a realidade do dano cerebral nas súas diferentes dimensións. Igualmente, promovemos a creación de espazos para a divulgación e debate de información especializada.
A investigación é imprescindible para contarmos cun coñecemento profundo e contrastado da realidade do dano cerebral que, en última instancia, permita o deseño de novas actuación ou o reaxuste das existentes de cara a mellorar a atención á discapacidade
Estudo sobre a atención ao dano cerebral en recursos residenciais non específicos galegos
Esta investigación ofrece a primeira diagnose cualitativa e cuantitativa sobre a presenza en Galicia do dano cerebral en centros residenciais non específicos para a atención a esta discapacidade.
O coidado informal no dano cerebral adquirido. Análise en clave de desigualdade de xénero
Investigación realizada para avaliar o impacto do labor de atención informal ás persoas con dano cerebral e contribuír ao deseño de políticas públicas de apoio a este colectivo.
Coñecemento da diagnose e recursos das persoas con dano cerebral adquirido
Estudo que avalía o de coñecemento poboacional sobre a diagnose e recursos de atención das persoas con dano cerebral, así comoa cobertura das necesidades asistenciais do colectivo.
Desde a Federación, tentamos acompañar a xeración de coñecemento coa súa divulgación e popularización en espazos de intercambio e debate. Con este fin, desde 2017 organizamos anualmente unha ‘Xornada sobre o Dano Cerebral’.
Trátase dun encontro temático, deseñado cun enfoque técnico-académico, destinado a xerar e transmitir coñecemento especializado sobre o dano cerebral adquirido. O evento estrutúrase arredor de conferencias e espazos de diálogo nos que participan persoas do mundo profesional, académico e investigador, especialistas en diferentes materias directa e indirectamente relacionadas co dano cerebral.
No marco destas xornadas tamén se adoita facer entrega do Premio FEGADACE - Miguel Blanco.