O enfoque de rehabilitación interdisciplinar que aplican as nosas asociacións federadas está baseado no modelo de atención a persoas con dano cerebral adquirido elaborado polo Imserso. A través de equipos compostos por profesionais de traballo social, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia e neuropsicoloxía, as cinco entidades de Dano Cerebral Galicia prestan un labor imprescindible na atención terapéutica especializada nas áreas da recuperación funcional, autonomía persoal, inclusión social e orientación e apoio ás familias. Detallamos os diferentes servizos que ofrecen.
Atención diúrna terapéutica
Servizo prestado nos centros de día das cinco asociacións dirixido a persoas maiores de 16 anos con dano cerebral adquirido en fase crónica ou de estabilización.
Atención terapéutica residencial
Servizo de atención a tempo completo prestado pola asociación de Vigo que inclúe aloxamento e tratamentos especializados e dirixidos a persoas con dano cerebral adquirido en fase crónica.
Información, orientación e apoio a familias
Servizo ofrecido polas cinco asociacións nos seus centros, en puntos informativos e en actividades comunitarias a través dos equipos profesionais de traballo social e psicoloxía.
Ocio e inclusión social
Programas desenvoltos nas cinco asociacións orientados á mellora e mantemento das capacidades e habilidades adquiridas nos procesos de rehabilitación, así como a favorecer as relacións interpersoais e a inclusión sociocomunitaria.
Orientación laboral
Servizo prestado pola asociación de Santiago que promove a busca de emprego, a formación e a cualificación das persoas con dano cerebral adquirido a través da atención personalizada e o reforzo das súas capacidades.
Rehabilitación especializada
Servizo prestado nas cinco asociacións a persoas en fase subaguda a través de equipos interdisciplinares integrados por profesionais de traballo social, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia e neuropsicoloxía.