Para cumprir os nosos obxectivos, cremos no traballo en rede e na construción de sinerxías. Somos unha entidade integrante da Federación Española de Dano Cerebral (Daño Cerebral Estatal) e das seccións territoriais galegas do Comité Español de Representantes das Persoas con Discapacidade (CERMI) e da Rede Europea Contra a Pobreza (EAPN). Ademais, mantemos alianzas e convenios de colaboración con diversos axentes sociais para o desenvolvemento de campañas orientadas á prevención do dano cerebral adquirido.
A Federación Española de Dano Cerebral (Daño Cerebral Estatal) é unha entidade fundada en 1995 co obxectivo de representar e dinamizar ao movemento asociativo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias. Desde 2020, Dano Cerebral Galicia é unha das 51 entidades de familias e persoas con dano cerebral adquirido de toda España que actualmente conforman a entidade. Nela participamos a través de distintos grupos de traballo.
O Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) é unha plataforma unitaria para a defensa e recoñecemento institucional das persoas con discapacidada. Fundado en 1997, está constituído polas principais organizacións estatais de persoas con discapacidade, entidades de acción sectorial e 19 plataformas autonómicas que, no seu conxunto, agrupan a máis de 8.000 asociacións e entidades.
Dano Cerebral Galicia ingresa en 2020 como entidade membro da sección galega do CERMI e, desde ese mesmo ano, formamos parte da súa Xunta Directiva a través de Luciano Fernández. Tras exercer como presidente, en 2024 pasou a ocupar unha das vicepresidencias do CERMI-Galicia. Ademais, participamos en diversos grupos de traballo.
![Luciano Fernández, xunto cos membros de CERMI que asistiron ao V Parlamento Europeo das Persoas con Discapacidade, celebrado en Bruxelas en maio de 2023.](https://danocerebralgalicia.org/storage/estratexias/Luciano%20Fern%C3%A1ndez%20e%20membros%20do%20CERMI%20no%20V%20Parlamento%20Europeo%20das%20Persoas%20con%20Discapacidade.jpg)
A Rede Europea contra a Pobreza (European Anti Poverty Network) é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa a entidades do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión. Funciona como un instrumento de incidencia e interlocución política a través da defensa dos dereitos de colectivos en risco, así como da promoción da súa plena participación comunitaria.
A sección territorial galega da Rede xurdiu en 2008 e desde 2013 Dano Cerebral Galicia é unha das 30 entidades membros que actualmente a conforman. Actualmente, participamos no grupo interno de comunicación
O traballo de Dano Cerebral Galicia é posible grazas á colaboración de diversas administracións públicas estatais, galegas e locais, así como a empresas e entidades sen ánimo de lucro, tanto do terceiro sector sociosanitario como do tecido asociativo veciñal e comunitario.
Actualmente, Dano Cerebral Galicia mantén convenios de colaboración con:
-
Aitor de Luis. Convenio asinado en 2021 co nadador de augas abertas Aitor de Luis para desenvolver actividades deportivas de natación que busquen visibilizar e sensibilizar sobre o DCA e que impliquen a recadación de fondos destinados a FEGADACE.
-
Asociación Deportiva Cultural Arousaman Manolo O Nacho, Aitor de Luis e Guillerme Díez. Convenio asinado en 2022 cos nadadores Aitor de Luis e Guillerme Díez e coa asociación sen ánimo de lucro Arousaman que regula as vías de colaboración abertas para o desenvolvemento do proxecto ‘Nado polo Dano Cerebral’. Esta iniciativa procura a mellora física e emocional de persoas con dano cerebral adquirido a través da práctica de natación adaptada en adestramentos e a posterior celebración dunha travesía a nado en augas abertas.
-
Centro de Desenvolvemento Rural O Viso (CDR-O Viso).Convenio asinado en 2023 para coordinar actuacións en catro grandes áreas: o desenvolvemento de programas formativos e informativos no ámbito da promoción da saúde para a prevención do dano cerebral adquirido e a atención sociosanitaria a persoas con esta discapacidade; a colaboración e coparticipación na prestación de servizos sociosanitarios de proximidade a persoas con dano cerebral adquirido residentes no rural da comarca da Limia; a celebración de seminarios, xornadas, cursos, conferencias e actividades culturais sobre temas de interese común; e a realización de actividades de investigación no ámbito do dano cerebral adquirido na contorna rural galega.
-
Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e COCEDER. Convenio asinado en 2023 para o desenvolvemento do programa ‘Biocoidados: novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en entornos rurais' e do ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva”.
-
Centro de Saúde da Estrada. Convenio asinado en 2022 co obxectivo de colaborar na realización de accións de sensibilización, prevención e información sobre dano cerebral adquirido entre as pacientes do Centro de Saúde da Estrada, así como actividades formativas para profesionais sanitarios e da Federación.
-
Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña. Convenio asinado en 2023 que regula a coordinación e organización de accións de sensibilización e promoción de hábitos de vida saudable para a prevención do dano cerebral adquirido. O acordo contempla a colaboración do Colexio na difusión de información sanitaria e prestación de servizos da Federación entre persoas usuarias da rede de farmacias da provincia coruñesa.
-
Concello de Lalín. Convenio asinado en 2021 co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación de Lalín sobre o DCA a través de charlas informativas, obradoiros formativos para persoal do Servizo de Axuda no Fogar, sesións didácticas para centros educativos e actividades expositivas e cinematográfica, así como actividades deportivas.
-
Eroski Consumer. Acordo para a publicación bimensual de artigos na revista online Eroski Consumer sobre temas relacionados coa prevención do dano cerebral adquirido e as súas causas, o modelo de atención, as necesidades das persoas e familias con esta discapacidade, ou o voluntariado e outras iniciativas solidarias.
-
Escola Rural de Saúde da Limia. Convenio asinado en 2023 co obxecto de traballar conxuntamente na difusión do coñecemento sobre saúde e promoción dos hábitos saudables e, en particular, sobre dano cerebral adquirido. O acordo parte da confluencia de intereses na defensa e facilitación de información sobre o acceso e uso dos recursos e servizos básicos e especializados para todas as persoas do ámbito rural e procura sumar forzas para coordinar actuacións en tres grandes áreas: fomento da capacitación, a realización de actividades de investigación, e o impulso á cooperación científica e técnica.
-
Escola Universitaria de Traballo Social da USC. Convenio asinado en 2021 coa Escola Universitaria de Traballo Social, centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela (USC,) para regular a realización de prácticas do seu estudantado na Federación.
-
Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR). Convenio asinado en 2022 e renovado en 2024 para realizar actividades formativas e informativas no ámbito da igualdade de xénero, a promoción da saúde e os coidados; actividades de investigación; e seminarios, xornadas, cursos e conferencias sobre temas de interese común.
-
Federación de Asociacións Galegas de Familias de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (FAGAL). Convenio asinado en 2017 para a colaboración mutua en accións de sensibilización, formación, e cantas máis se consideren oportunas. O acordo parte da coincidencia de dificultades que afrontan as persoas e familias con dano cerebral e con alzhéimer, ambas afectacións neurolóxicas e adquiridas, como os elevados niveis de dependencia que xeran e a súa extensión ao ámbito social, o incremento da incidencia das dúas discapacidades por causa do envellecemento poboacional, ou os déficits na adaptación do sistema de atención sociosanitaria.
-
Proxecto FAST Héroes. Convenio asinado en 2024 coa campaña educativa Héroes do FAST, orientada a aumentar entre a poboación escolar o coñecemento dos síntomas do ictus e o procedemento a seguir cando se identifica un caso na súa contorna. En virtude do acordo, a Federación é embaixadora da iniciativa en Galicia e encárgase de implantar a actividade nos centros educativos.
-
Renfe Viajeros. Convenio asinado en 2023 e 2024 co obxecto de desenvolver unha campaña de sensibilización sobre dano cerebral adquirido nos espazos de atención ao cliente de 10 estacións de RENFE en Galicia e nos repousacabezos dos trens que fan servizo AVANT e MD nos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo/A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense.
-
Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN). Convenio asinado en 2015 para a realización de actividades e campañas de sensibilización sobre o ictus, atendendo aos síntomas de alarma e información sobre hábitos de vida saudables como medidas de prevención.
-
Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF). Convenio asinado en 2020 co obxectivo de potenciar a formación das persoas socias de ambas entidades; realizar actividades de investigación; organizar seminarios, xornadas, cursos e conferencias de interese común; e desenvolver informes e documentos que persigan a meta común da mellora da calidade da rehabilitación integral das persoas con dano cerebral adquirido.
-
Universidade da Coruña (UDC). Protocolo xeral de colaboración asinado en 2023 co obxecto de prestar mutuamente o apoio e máxima colaboración en actividades de información, formación, sensibilización, educación e promoción da saúde sobre o dano cerebral adquirido que se contemplen no ámbito de actuación da UDC. Entre as modalidades de colaboración inclúese a cooperación coa oficina UDC Saudable. En 2021, Dano Cerebral Galicia e UDC asinaron un convenio para a realización de prácticas de estudantado universitario na Federación e as súas asociacións.
-
Universidade de Santiago de Compostela (USC). Convenio asinado en 2023 co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación, a divulgación e a información sobre o dano cerebral adquirido no ámbito da comunidade universitaria en xeral, e do Grao de Nutrición e Dietética Humana do Campus de Lugo, en particular.
Podes consultar os documentos de cada un dos convenios no apartado de Publicacións da web.