As persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias teñen na Federación un recurso fundamental para o seu benestar físico, material e emocional, así como para a súa inclusión social e defensa de dereitos. Porén, para poder prestar estes apoios, nós tamén precisamos recibilo. Ao asociarte a algunha das nosas cinco entidades contribuirás economicamente á viabilidade dos servizos que prestamos e poderás implicarte na toma de decisións. A continuación, resolvemos as principais dúbidas que che poden xurdir sobre este proceso.
O movemento asociativo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias é un motor de cambio. Desde a fundación das primeiras asociación en Galicia no ano 2000, a forza colectiva organizada arredor das entidades non só deu resposta a necesidades até entón desatendidas, senón que empurrou cara a melloras lexislativas e mudanzas no modelo de atención.
Grazas ás iniciativas conxuntas, impulsáronse programas e proxectos de intervención terapéutica e inclusión social, xerouse e divulgouse coñecemento e visibilizouse o dano cerebral adquirido como un problema de saúde pública de primeira orde.
Malia o moito avanzado, os retos pendentes requiren dun movemento asociativo o máis forte posible. Necesitamos ter unha base social máis ampla para chegar máis lonxe.
As asociacións establecen distintas figuras para adquirir a condición de persoa socia.
Se es unha persoa con dano cerebral adquirido, es familiar dunha ou exerces a súa representación legal, podes ser socia numeraria dunha das nosas cinco asociacións.
Se ningún destes é o teu caso, pero igualmente queres asociarte, podes facelo como socia ou socio colaborador.
Ao facerte socia ou socio dalgunha das asociacións de Dano Cerebral Galicia pasas a formar parte do movemento asociativo galego, formado por máis de 2.200 persoas.
Para asociarte, terás que pagar unha cota, cuxa cantidade e periodicidade varía en función da entidade, e ser admitida pola correspondente xunta directiva.
Unha vez que adquiras a condición de persoa socia, terás unha serie de dereitos e obrigas, recollidos nos estatutos fundacionais de cada asociación.
Un elemento compartido por todas elas é que as persoas socias numerarias teñen capacidade de decisión sobre os obxectivos e liñas de acción: poden participar con voz e voto no órgano de goberno, a asemblea xeral, e poden ser elixibles para formar parte do órgano de representación, a Xunta Directiva.
Para asociarte, visita o apartado ‘Entidades socias’ e contacta coa asociación máis próxima a ti. Se tes algunha dúbida, podes chamarnos ou trasladarnos a túa consulta a través do formulario de contacto.