As cinco asociacións que integran Dano Cerebral Galicia contan con programas de voluntariado a través dos que podes contribuír a mellorar a calidade de vida de persoas con dano cerebral adquirido. Infórmate sobre as características deste modo de colaboración e súmate ao equipo.
O voluntariado é unha forma de participación social en actividades de interese xeral enmarcadas en proxectos ou programas estables dunha entidade sen ánimo de lucro. A colaboración prestada pola persoa voluntaria debe ter un carácter solidario, realizarse de forma libre e non implicar ningún tipo de contraprestación económica, vínculo laboral ou mercantil.
Por tanto, en ningún caso a acción voluntaria pode substituír actividades que se estean desenvolvendo a través do traballo remunerado ou servir para eximir ás administracións públicas de garantirlle á cidadanía prestacións ou servizos ao que ten dereito.
Igualmente, tampouco se pode considerar como accións voluntarias a aquelas actividades que se desenvolvan como prácticas ou experiencias profesionais.
En Dano Cerebral Galicia non temos un programa propio de voluntariado, senón que cada unha das nosas entidades federadas xestiona e coordina o seu. Cada asociación dispón dun itinerario de acollida no que se che proporcionará formación e acompañamento para que poidas colaborar.
O abano de áreas e programas de intervención aberto ao voluntariado varía en función da entidade, pero en todas elas a túa participación deberá ser activa e basearse nun claro compromiso cos nosos principios e valores.
Se tes interese en sumar forzas e unirte ao movemento asociativo, visita as páxinas web das nosas asociacións e consulta os requirimentos e compromisos que cada unha establece para formar parte do seu colectivo de voluntariado.
Malia que a realización dunha actividade ou a existencia dun proxecto de intervención non depende da existencia de voluntariado, a túa implicación contribuirá a que seu impacto positivo sexa máis fondo.
-
ADACECO: https://adaceco.org/colabora/
-
ADACE Lugo: https://adacelugo.org/voluntario.asp
-
Alento: https://www.alento.org/por-que-ser-voluntario-es.html
-
DCA-Ourense: https://dcaourense.org/contacto