A Federación e as asociacións aspiramos a incrementar os recursos de atención ao dano cerebral e a cobertura dos mesmos tanto a través do noso crecemento como mediante o impulso de novas asociacións. Por este motivo, a nosa estrutura federativa está aberta á incorporación de organizacións de familias, persoas con dano cerebral adquirido e persoas coidadoras que o soliciten.
Existen tres tipos de entidades socias da Federación:
-
Entidades socias fundadoras. Son as cinco asociacións que constituíron Dano Cerebral Galicia: ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA-Ourense e Sarela.
-
Entidades socias de número. Son aquelas entidades sen ánimo de lucro de dano cerebral adquirido, que teñan como obxecto concreto a defensa dos dereitos das persoas do colectivo e as súas familias no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, quedan excluídas as fundacións de empresas, clínicas privadas ou semellantes. Terán consideración de socias de número tanto as entidades fundadoras como todas aquelas que, cumprindo os requisitos establecidos nos estatutos, ingresaran con posterioridade na Federación.
-
Socios e socias colaboradoras. Son as persoas físicas ou xurídicas que, malia non ter entre os seus fins principais a axuda ás persoas con DCA e ás súas familias, colaboran habitualmente coa Federación na consecución dos seus fins.
Dano Cerebral Galicia e as súas entidades federadas teñen o compromiso de asesorar a calquera colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, familias ou persoas coidadoras que teñan vontade de constituírse legalmente como asociación no marco dos valores e misión que guían o traballo do movemento asociativo.
As asociacións interesadas en unirse a Dano Cerebral Galicia deben cumprir os seguintes condicións:
-
Coherencia coa misión e valores da Federación.
-
Presentación da súa traxectoria no ámbito asociativo e certificación da mesma polo órgano correspondente da entidade.
-
Acreditación da entidade aspirante ante os organismos públicos e rexistros correspondentes.
-
Acreditación da entidade de ter unha masa social mínima de 15 persoas.
En caso de non cumprir algún dos anteriores requisitos, a asociación poderá solicitar o ingreso en período de adaptación. Este prazo non poderá exceder os dous anos, que a aspirante poderá obter información, asesoramento e apoio da Federación para completar as condicións exixidas.
Existen dous procedementos en función do tipo de entidade socia.
Para as entidade socias de número, as fases do proceso son:
-
Presentación da documentación detallada nos estatutos de Dano Cerebral Galicia.
-
Aprobación en Xunta Directiva por dous terzos dos membros.
-
Ratificación pola Asemblea Xeral.
Para os socios e socias colaboradoras, as fases do proceso son:
-
Proposta de ingreso e comunicación ás partes interesadas por parte da Xunta Directiva da Federación.
-
Ratificación da Asemblea Xeral da Federación unha vez aceptada a proposta de ingreso.